Psoe Ferrol afirma que o «arranxo» do Hospital Arquitecto Marcide «é un lavado de cara»

«Se a Xunta vai reformar por completo as plantas co Plan Director, gastar agora só en falsos teitos é tirar os cartos de todos os contribuíntes»

O PSOE de Ferrol denuncia que «a Xunta de Galicia pretende limitar a reforma do Hospital Arquitecto Marcide á simple substitución dos falsos teitos das plantas antigas, sen acometer a renovación integral prevista no Plan Director do CHUF. Un plan que, recordan, leva 14 anos de retraso e que contempla a modernización completa das habitacións, a instalación de duchas individuais e a adaptación ás novas camas hospitalarias».

“O anuncio da Xunta é un insulto á cidadanía de Ferrolterra”, advertiu o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol e voceiro municipal, Ángel Mato. “Queren facernos crer que cambiar uns falsos teitos é reformar o hospital, cando na realidade é deixar as plantas tal e como estaban desde a súa apertura, sen mellorar nin un milímetro as condicións dos pacientes”.

Segundo Mato, «a ala afectada polo desprendemento do teito —que obrigou ao traslado de 28 pacientes e feriu unha persoa— é a proba do atraso acumulado e do abandono do PP»: “Non conta con duchas nas habitacións, obrigando aos pacientes a compartir aseos comúns, algo inaceptable en pleno século XXI”.

O líder socialista acusa ao Goberno de Rueda de incumprir o seu propio plan: “Se a Xunta afirma que vai executar en breve o Plan Director e reformar por completo estas plantas, gastar agora diñeiro só en cambiar falsos teitos é tirar os cartos de todos os contribuíntes. É pura propaganda para saír do paso, mentres as verdadeiras melloras seguen sen chegar”.

Desde a Agrupación Socialista de Ferrol, «esiximos á Xunta que cumpra íntegramente o Plan Director do CHUF, con prazos públicos e financiamento suficiente para acometer a renovación estrutural das cinco plantas anunciadas, incluíndo as melloras de habitabilidade, accesibilidade e confort que a cidadanía merece». “Non aceptaremos solucións parciais nin maquillaxes para tapar anos de abandono”, concluíu Mato.

 

Lea también

Matilda gana el II Concurso de Escaparate Comercial de Navidad de Ferrol

CITES FERROL, gracias a la ayuda de promoción económica del Ayuntamiento de Ferrol, organizó varias …