Ampliado en Narón o prazo de inscrición nun curso de Electricidade fotovoltaica

O Concello de Narón ampliou ata este venres día 8, o prazo de inscrición no curso de Electricidade fotovoltaica convocado a través do Programa Municipal de Formación.

A edil responsable da área, Natalia Hermida, recordou que se prevé impartir esta acción formativa do 11 de agosto ao 18 de novembro deste ano nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.

A convocatoria, con 15 prazas, diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, se ben tamén se poderán inscribir as empadroadas noutros concellos, que accederán ao curso no caso de quedar prazas que non se cubran con persoas da cidade.

O alumnado abordará temas como a prevención de riscos laborais, convenio da construción; normativa legal específica; electricidade básica, magnitudes, simboloxía, instrumentos de medidas; compoñentes e funcionamento xeral das instalacións fotovoltaicas; organización e montaxe mecánica das estruturas de soporte; protección das instalacións eléctricas… En total impartiranse 350 horas e 15 máis de módulos adicionais e haberá tamén prácticas profesionais non laborais en empresas do sector.

As clases impartiranse de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 do 11 de agosto ao 31 de outubro e as prácticas en empresas serán sete horas ao día no horario que se determine (do 3 ao 18 de novembro). As inscricións deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición. Para máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario municipal, a través do teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

A alcaldesa de Narón recibe a Candela Montero, Lucía Saura e Sofía Couce polos éxitos deportivos acadados no tenis de mesa

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, recibiron no Consistorio a …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *