A Deputación renova o convenio de colaboración coa Asociación Teima Down Ferrol

A institución provincial financiará á entidade con 40.000 euros para que poida seguir desenvolvendo o seu programa de inserción laboral deste colectivo.

Firma da renovación

A Deputación da Coruña vén de aprobar a renovación do convenio de colaboración coa Asociación Síndrome de Down “Teima” de Ferrol para o financiamento do servizo de formación sociolaboral e emprego da entidade, no marco do Plan de Emprego Local (PEL). O apoio económico da Deputación, cunha achega de case 40.000 euros, supón o 35% do orzamento total da iniciativa, e constitúe unha firme aposta pola inclusión social e laboral das persoas con discapacidade intelectual en igualdade de condicións.

Con esta colaboración, a Deputación contribúe á continuidade dun servizo que Teima Down Ferrol leva desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas e que se ten consolidado como un referente na comarca de Ferrolterra. O proxecto abrangue todas as fases do proceso de inserción laboral das persoas usuarias, desde a valoración inicial e orientación profesional ata a formación específica e o acompañamento personalizado nos postos de traballo. Ademais, Teima ofrece preparación para procesos selectivos no emprego público e mantén unha rede de colaboración con empresas da zona, facilitando a creación de oportunidades reais de emprego.

Un dos piares fundamentais do servizo é a metodoloxía do “emprego con apoio”, pola que as persoas usuarias reciben acompañamento directo no posto de traballo por parte de preparadoras laborais, que axudan na adaptación das tarefas, na adquisición de habilidades sociais e na súa progresiva autonomía. Esta atención personalizada tamén se estende ás familias das persoas participantes, que reciben asesoramento e acompañamento ao longo de todo o proceso.

Paralelamente, a entidade promove accións de sensibilización social, especialmente en centros educativos, medios de comunicación e contornas empresariais, co obxectivo de combater estereotipos e favorecer unha sociedade máis aberta e receptiva. Teima Down Ferrol traballa con persoas dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, Mugardos, Pontedeume, Miño, As Pontes, Cariño, Cedeira, Valdoviño e Bergondo, entre outros, e ao longo dos anos ten acadado resultados salientables: máis de 90 persoas contratadas en empresas ordinarias, unha alta taxa de éxito en oposicións públicas e centos de intervencións en formación, orientación e acompañamento laboral.

A Deputación da Coruña valora moi positivamente esta traxectoria e entende que o labor de entidades como Teima é imprescindible para garantir dereitos, derrubar barreiras e avanzar na construción dun modelo social máis xusto, onde cada persoa, independentemente das súas capacidades, poida desenvolver o seu proxecto de vida de maneira plena.

Este convenio enmárcase na liña estratéxica do PEL da Deputación de apoiar iniciativas que fomenten o emprego inclusivo e sustentable, con especial atención aos colectivos que atopan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

Lea también

Empiezan las obras de 24 nuevas viviendas públicas en O Bertón

Las obras en O Bertón se multiplican. La semana pasada empezaron las obras de construcción …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *