Presentada a sexta edición do Nachiños Fest 2025 na sala Curuxeiras de Ferrol

Fot Galicia Ártabra

Na mañá deste martes, día 5, tivo lugar na sala Curuxeiras a presentación oficial da sexta edición do Nachiños Fest, que se celebrará os días 14, 15 e 16 de agosto no porto de Curuxeiras, en Ferrol. 

O acto de presentación contou coa participación de Fernando Amador, un dos organizadores do festival; Cristina García, deputada provincial da Deputación da Coruña; Aran López, concelleiro de Xuventude, Festas e Marca Ferrol; e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol.

Fot. Galicia Ártabra

Fernando Amador, en nome da organización, agradeceu o apoio dos patrocinadores que fan posible o evento e lembrou que o Nachiños Fest naceu dun grupo de rapaces de Ferrol con amor pola súa cidade, coa vontade de unir xente e co respecto polo medio ambiente como bandeira. 

 

Fot. Galicia Ártabra

Pola súa banda, Cristina García salientou que o festival “naceu hai seis anos por xente nova e hoxe é xa un referente da música indie non só na provincia, senón en toda Galicia”. Tamén puxo en valor o cambio de escenario ao porto de Ferrol, unha aposta que achega o evento á cidadanía e potencia o seu atractivo.

Fot. Galicia Ártabra

O concelleiro Aran López definiu o Nachiños Fest como «unha sensación e unha experiencia para vivir con amigos, unha experiencia de sostibilidade e de orgullo de cidade». Destacou tamén o novo emprazamento no porto como un acerto, pois permite achegar o festival ao centro urbano facilitando o acceso sen necesidade de utilizar medios de transporte. 

Fot. Galicia Ártabra

A delegada da Xunta, Martina Aneiros, subliñou a boa saúde do festival e o compromiso do Goberno galego con propostas culturais coma esta. Destacou que o Nachiños Fest non só ofrece música de calidade, senón que promociona Ferrol e a súa comarca como destino turístico, especialmente no eido dos festivais. “É un medio excepcional para difundir os atractivos turísticos, patrimoniais e gastronómicos de Galicia, ao tempo que atrae visitantes ás contornas onde se celebra”, afirmou.

O cartel de 2025 inclúe artistas de relevancia nacional como Sexy Zebras e Malmö 040, xunto a referentes galegos como Ortiga, Filloas ou 9Louro, consolidando a proposta como unha das máis destacadas do verán en Galicia.

As entradas para o festival xa están á venda na páxina oficial do Nachiños Fest, o prezo das mesmas oscila entre os 33 euros das entradas diarias e os 55 euros do abono de dúas xornadas.
 
 

Lea también

El ASF se sumó a los actos informativos y activos por el Día Mundial de la Diabetes

La Asociación de Diabéticos de Ferrolterra y la Facultad de Enfermería y Podología del Campus …