O SendAres 2025-2026 conta con nove rutas

A concellaría de Deportes de Ares vén de presentar a oferta de itinerarios que se organizarán durante o outono e primaveira, cubrindo dende setembro até abril, inclusive. A primeira saída do programa é dobre, con desprazamento e pernocta en León, e dúas rutas nas xornadas do 27 e 28 de setembro: Travesía Puerto Las Señales-Maraña e Maraña-Acebedo.

SendAres- archivo 2024

Os bloques de roca cuarcítica da Cordilleira Cantábrica, camiños ao carón do mar, cantís impresionantes… a paisaxe volverá a protagonizar o SendAres 2025-2026, a programación municipal de sendeirismo que vén de presentarse na súa totalidade. Durante o outono e primaveira, a Concellaría de Deportes organizará 9 rutas que procurarán facer do deporte un bo motivo para explorar o territorio galego e algúns recunchos de Castela e León.

A nova tempada do SendAres continuará de feito poñendo en valor o patrimonio natural de Galicia e tamén o de máis proximidade a Ares, facilitando á veciñanza os desprazamentos e os servizos de guía nas súas saídas.

Os roteiros principiarán en setembro, cunha viaxe até o municipio leonés de Riaño, onde se promoverán dúas rutas de fin de semana, unha o 27 e outra o 28 de setembro. Logo continuará o SendAres con itinerarios na contorna do río Sor, en Mañón (26 de outubro), Oleiros (23 de novembro), Ferrol e o cabo Prior (21 de decembro), Oza dos Ríos-Coirós-Betanzos (25 de xaneiro), Narahío-San Sadurniño (22 de febreiro), Cedeira-Cariño (29 de marzo) e, finalmente, a última ruta en Mondoñedo (26 de abril).

Todas elas partirán dun proceso individualizado de inscrición, sempre vía telemática, e contará con 25 prazas e 20 euros de prezo, agás a saída con dúas rutas en León, que custará 150 euros incluída a pernocta. Nas cuotas inclúense os servizos de guía, os seguros necesarios para a práctica da actividade e os desprazamentos de ida e volta dende Ares.Inscricións para as primeiras rutas por León

Xunto coa presentación do SendAres 25-26, tamén se abren o 5 de agosto, ás 14:00 horas as inscricións da primeira das saídas cara León, con dous itinerarios previstos dentro dela.

Primeiro será a quenda dos empadroados nunha marxe de 24 horas e posteriormente os non-empadroados/as ata o 10 de agosto ou, de darse o caso, ata o esgotamento das 25 prazas habilitadas. Así, as persoas interesadas poderán reservar praza por orde de inscrición no propio apartado adicado ó SendAres cun trámite integramente telemático, enchendo o formulario creado ex profeso para a ruta.

A travesía Puerto Las Señales-Maraña será a ruta inicial do 27 de setembro, atravesando unha das xoias da flora ibérica, o Pinar de Lillo, e percorrendo despois a arista norte do Pico Lago, cunha característica paisaxe de bloques de roca cuarcítica.

O descenso rematará na vila de Maraña, onde se fará a pernocta, e ao día seguinte, o domingo 28, principiará a segunda ruta entre Maraña-Acebedo. A xornada estará caracterizada pola flora e vexetación típicas dos fondos de val de montaña e o chamado como Circo de Mampodre: un enclave de interese xeomorfolóxico ao presentar un bo estado de conservación das pegadas glaciais.

 

 

Lea también

Ortigueira refuerza sus Servicios Sociales contratando una persona inscrita en el Sistema Nacional de Garantía Xuvenil

De este modo se refuerza los servicios administrativos y redunda en una mejor presentación de …