Máis de 26.000 persoas en situacións vulnerables da provincia beneficianse da distribución de alimentos de primeira necesidade que realiza a entidade.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado da deputada de Educación, Yoya Neira, visita as instalacións centrais e o centro de distribución da Asociación Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial), situadas en Meicende (Arteixo), onde foi recibido pola directiva da entidade.
Durante a visita, o presidente do Banco de Alimentos, Manuel Mora Pita da Veiga, xunto co secretario, Sergio Medina, e o tesoureiro, José Manuel Lado, explicaron o funcionamento da organización, que actualmente distribúe alimentos a través de 150 entidades sociais e concellos, chegando a preto de 26.000 persoas beneficiarias en toda a provincia.
Mora destacou que a visita serviu para trasladarlle ao presidente da Deputación a situación actual da entidade, os proxectos de futuro e as principais necesidades do banco: «Foi unha entrevista moi cordial. A recepción é froito da sensibilidade do presidente con estes temas, e esperemos que en pouco tempo póidanse dar resultados a base de conversar e propoñer solucións».
Durante o encontro, o presidente da Deputación expresou o seu compromiso coa entidade, asegurando que «non hai nada máis sensible por parte da sociedade que cubrir a necesidade máis básica, que é a alimentación dunha familia». Formoso sinalou tamén que o apoio institucional debe centrarse en garantir a alimentación das persoas máis vulnerables: «Temos que priorizar estas cuestións por riba doutras actuacións que, sendo importantes, non o son tanto como asegurar o sustento de miles de familias».
Así mesmo, Formoso anunciou que a Deputación traballa para colaborar na mellora da operativa loxística do Banco de Alimentos, co obxectivo de axudar á entidade a concentrar os seus recursos nun único punto e así reducir custos e mellorar a xestión.
A Deputación da Coruña leva investidos 453.000 euros nos últimos cinco anos para apoiar o labor dos bancos de alimentos da provincia. Este ano, a Deputación vén de aprobar unha axuda de 70.000 euros. Un apoio que cobra especial relevancia nun contexto no que, segundo explicou o presidente do Balrial, a inflación está a reducir a capacidade de compra da entidade: «Pasamos de mover 2,8 millóns de quilos de alimentos en 2021 a 1,7 millóns o ano pasado, cun número similar de beneficiarios. Compramos menos cos mesmos cartos».
Finalmente, Mora avanzou que o Banco de Alimentos Rías Altas se atopa actualmente nun proceso de fusión co Banco de Alimentos de Santiago, co fin de reforzar a súa estrutura e mellorar a distribución de alimentos en Galicia.