A Baixada de Carrilanas de Valdoviño volve facer historia converténdose en sede do primeiro Campionato do Mundo

O director de carreira, Diego Barcia, presentaba co alcalde, Alberto González, o programa da XXVII edición, que se celebrará do 8 ao 10 de agosto.

Valdoviño celebrará do 8 ao 10 de agosto a súa tradicional Baixada de Carrilanas. A cita, que é a día de hoxe a carreira federada máis antiga de España, acadará neste 2025 a súa XXVII edición, e segundo avanzaba este xoves a organización, farao marcando un fito histórico. Por primeira vez nos deportes de inercia, celebrarase un Campionato do Mundo de Carrilanas, e será en Valdoviño. Así o avanzaba Diego Barcia, director da carreira, na presentación da edición celebrada na casa consistorial xunto ao alcalde, Alberto González; o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e Iria García, integrante da asociación organizadora.

As inscricións están abertas, e todo apunta a que se superará a cifra máxica dos 50 participantes que, para Barcia, resultaría ideal para que o público puidese desfrutar ao máximo do espectáculo. A día de hoxe, a maioría dos pilotos proceden de diferentes puntos de España, aínda que está garantizada a presenza internacional, con inscricións dende o Norte de Europa. De feito, a Baixada de Valdoviño está tamén incluída no circuíto europeo, puntuable así para a liga comunitaria. Entre os grandes favoritos figura, como non, Christian Marugán, vixente campión de España e gañador da proba de Valdoviño os últimos sete anos.

A baixada contará de novo cun percorrido espectacular, no que os pilotos poderán lucirse e amosar a súa habilidade ao longo de 1.207 metros, con saída no Graño e meta en San Mamede. En canto á programación, a organización repetirá a fórmula de éxito que a acompañou ata o momento. O venres 8, ás 12 horas, abrirase a zona de acampada gratuíta. O sábado 9, de 15 a 16 horas, terán lugar as verificacións técnicas e administrativas. Ás 16:30 horas, o remonte de participantes á liña de saída. Ás 17 horas, os primeiros adestramentos oficiais, e xa ás 18 horas, a saída da primeira baixada oficial. A programación do sábado pecharase coa cea carrilaneira (ás 20 horas, e cun menú a 10 euros), e o XI Festival de Karaoke.

Xa o domingo, a mañá, de 12 a 13 horas, está reservada para os máis pequenos e pequenas, que competirán por ser os máis veloces nos seus vehículos (con dúas categorías de 1 a 5 anos e de 6 a 13). Seguiralle a sesión vermú, e a paellada de marisco popular (racións a 8 euros). E xa ás 16 horas, remonte de participantes á liña de saída para, media hora despois, iniciarse a baixada oficial. Haberá 3 premios ás carrilanas máis humorísticas, e un trofeo para os 3 primeiros de cada categoría, ademais dun premio ao mellor salto.

archivo

Así mesmo, o director de carreira volvía marcarse a seguridade como obxectivo número 1 da cita, e aínda que aseguraba que o risco cero non existe, a organización concentra todos os seus esforzos para achegarse a el, destacando o amplo dispositivo desplegado, e agradecendo a colaboración das forzas e corpos de seguridade, así como dos membros de Protección Civil da comarca.

Por último, xunto ao alcalde, Alberto González, convidaba ao público a secundar a cita, desfrutala ao máximo e volver convertela nun auténtico éxito.

Lea también

El judoca Mario Tenreiro consigue la medalla de bronce en el Campeonato de España Junior

Gran resultado de la Agrupación Deportiva Judo Ferrolterra en el Campeonato de España Junior celebrado …