
O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de presentar una moción para o seu debate no pleno municipal de Ferrol mediante a que instan á Xunta de Galiza a reverter de maneira inmediata os recortes no orzamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), garantindo un financiamento suficiente para cubrir as necesidades das persoas usuarias e mellorar as condicións laborais das traballadoras, elevando o financiamento por hora até os 20 € así como a redución dos tempos de espera para a valoración e acceso ás prestacións de dependencia, garantindo o cumprimento dos prazos legais.
María López, concelleira do BNG, lembra que o servizo de axuda no fogar é un servizo asistencial e esencial, e que cada vez sofre de máis recortes o que implica uns servizos máis caros para os utentes pero máis precarios para as traballadoras do servizo, onde o prezo por hora esta por baixo do 20€, unha cifra que garantiría unha atención digna as persoas usuarias e unhas condicións laborais dignas asi como suporía tamén aliviar a carga económica dos concellos.
Actualmente tanto a poboación galega como e ferrolá está máis avellentada, pero os dados que se nos achegan indican que hai menos utentes deste servizo como nos centros de dia, o que leva aparellado outro dato da Xunta de Galiza que di que o 82% das coidadoras no domicilio son mulleres que teñen que renunciar ao seu traballo porque as residencias están ou completas ou teñen uns prezos desorbitados. Cómpre lembrar que as axudas que se dan para estes servizos rondan entre os 360 e 420€ ao mes fronte ao custe dunha residencia que se sitúa nos 2000€.
Os nacionalistas tamen pretenden instar á Xunta de Galiza a abandonar as políticas privatizadoras e asistencialistas, priorizando o reforzo das prazas públicas e concertadas en residencias e centros de día coa fin de garantir o dereito a unha vellez digna.
Xa por último o BNG quere que o Concello de Ferrol manifeste o seu compromisocoa defensa do sistema público de atención á dependencia como piar fundamental do estado do benestar e dereito esencial da cidadanía. Por todo isto e para que a Xunta de Galiza faga un esforzo maior do investimento para os servizos relacionados coa Dependencia é que presentamos esta moción para se debater no pleno do próximo xoves día 31.