O proxecto Youtubeiras+ ofrece obradoiros de creación de contidos dixitais para centros de ensino, docentes e público en xeral

O proxecto Youtubeiras+, no que participan os servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre eles o de Narón, das tres universidades e da Deputación da Coruña abre por vez primeira a outras entidades o prazo para solicitar a organización de obradoiros formativos de creación de contidos dixitais. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos no noso idioma na Rede, 

naron youtubieras

Como cada ano, o proxecto Youtubeiras+ ofrecerá cursos de formación cun enfoque teórico-práctico, dirixidos a adquirir as habilidades e estratexias necesarias á hora de ter presenza e gozar de recoñecemento no contorno dixital, para centros educativos, para docentes e para o público xeral. Desta volta, impartiranos Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío, e Laura Veiga, de Pingando. 

A formación destinada aos centros de ensino ten dous posibles formatos segundo o obxectivo que se procure e os perfís do alumnado. A primeira modalidade consiste nun obradoiro introdutorio de 50 minutos en que se dan a coñecer as bases mínimas para comezar a crear contido en Internet. O segundo formato esténdese até os 100 minutos de duración, con sesións eminentemente prácticas. 

Os obradoiros para docentes teñen como obxectivo mostrarlle ao profesorado aquelas ferramentas que lle permitan comprender e integrar as redes sociais e a creación de contidos na aula como recursos educativos. Por último, as sesións formuladas para o público xeral –pensadas para ter lugar nos centros socioculturais, casas de mocidade ou asociacións veciñais dos concellos organizadores– terán como temas principais a identidade, a diferenciación dentro do ecosistema dixital e a planificación de contidos a medio e longo prazo. 

Pódese obter máis información sobre estes obradoiros ou directamente solicitalos na páxina web www.youtubeiras.gal ou escribindo ao correo premios@youtubeiras.gal.

No mes de setembro convocarase a IX edición dos Premios Youtubeiras+ e desvelaranse grandes novidades. Mantense a contía dos premios, 7.500 euros, con sete categorías, algunhas delas novas. Na edición anterior, un total de 89 canles concorreron ao certame, das cales 49 procedían de YouTube e as 40 restantes de TikTok.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …