Esta acción da Consellería do Mar, coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar, levou a cabo cinco obradoiros en diversas localidades onde abordouse os factores ambientais que inflúen na reprodución deste bivalvo.

O sector mexillón de Galicia e a comunidade científica reúnense nos obradoiros de Capacitamex para compartir coñecementos. Esta iniciativa da Consellería do Mar, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), está a poñer en valor a importancia do coñecemento sobre o ciclo do mexillón e os factores ambientais que inflúen na súa reprodución. A actividade está a ser coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), que informa ás Asociacións de Produtores de Mexillón de Galicia das liñas desta iniciativa invitándoas a colaborar na organización dos obradoiros.
Realizáronse ata agora 5 obradoiros en diversas localidades, participando Amegrove, Socomgal e as once delegacións de Opmega, cunha boa acollida e participación de socios e socias de todas as rías baixas. Estes obradoiros foron concibidos como momentos de encontro entre expertos investigadores e o sector produtor de mexillón, participando máis de 100 produtores, que amosaron o seu interese por coñecer os resultados dos estudos relacionados coas primeiras fase do ciclo do mexillón, dende abundancia de larvas á dispoñibilidade de cría de mexillón (mexilla).
Deste xeito, técnicos investigadores do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), de Vilanova de Arousa, presentaron os resultados do seguimento da abundancia de mexilla no intermareal de Galicia. Trátase de series de datos de varios anos, obtidas mediante mostraxes que se están a facer periodicamente, e que se retomarán previamente á campaña de recollida de mexilla que comeza en decembro. Debateuse sobre a importancia de obter series de datos longas, para poder avanzar no coñecemento do comportamento deste recurso, e chegar a estimar a súa abundancia no litoral.
Pola súa banda, investigadoras do CINBIO da U-Vigo explicaron o sistema de análise de densidade larvaria de bivalvos nas rías galegas: dende a recollida de mostras semanais, así como o novidoso sistema de marcaxe con anticorpos para identificar e contar as larvas de mexillón nesas mostras.
Visores web
Para acceder a esta información, técnicos da Unidade Tecnolóxica do Mar (Utmar-Cetmar) amosaron dous novos visores web. O primeiro identifica os puntos de mostraxe, e informa da abundancia da cobertura de mexilla en rocha, caracterizando o seu tipo e dando acceso a imaxes das mostraxes. O segundo visor facilita o acceso á información de abundancia de larvas que se viña publicando no Intecmar en formato de informes semanais. Ambos os dous visores están dispoñibles na sección de recursos da páxina web apromex.gal.
Nos obradoiros tamén se expuxo, por parte de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) de Vigo, a relación entre afloramento, produtividade das rías e a dispoñibilidade de mexilla. Amosando como, grazas aos datos de recollida de mexilla cedidos por diversas asociacións, foi posible realizar estudos científicos que os relacionan coas variables medioambientais, e que poderán facilitar o deseño de ferramentas predictivas. Por último, e afondando na importancia de dispoñer de datos robustos e fiables, presentouse a aplicación móbil para a declaración de obtención de cría de mexillón (MOVTIC), tanto para recollida no medio natural, como en cordas colectoras.
Próximos obradoiros
Estas xornadas concluíron cun momento de debate informal, onde os investigadores e técnicos puideron recoller observacións e comentarios directamente dos asistentes. As conversas están a enriquecer as liñas de investigación, pero tamén permiten plantexar melloras nas ferramentas amosadas, co fin de facilitar o seu uso por parte do sector, e garantir unha maior calidade da información recollida. Igualmente permitiron establecer novos contactos entre os participantes para iniciar futuras colaboracións.
Os próximos obradoiros comezarán a programarse en setembro, co fin de continuar facilitando o acceso ás ferramentas de xestión da mexilla durante a próxima campaña de recollida deste recurso.