Hematoloxía do CHUF incorpora nova consulta no andar baixo do Marcide

Este servizo renova a consulta de Sintrom e de Biopsias de Médula ósea, máis diáfana e accesible, e que evita traslados ós pacientes entre o momento de facer a análise e a consulta.

O Servizo de Hematoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol CHUF medra no andar baixo do Hospital Arquitecto Marcide cunha nova consulta máis diáfana e accesible, que permite unha reordenación que beneficia tanto no eido clínico, con máis tempo de atención para os pacientes, como no eido do laboratorio, xa que permite un traballo máis cómodo e operativo dentro propio Servizo tanto para profesionais como pacientes.

Así, no andar baixo do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, unha consulta máis ampla e cómoda dedícase á valoración dos aspectos de sintrom e coagulación dos e das pacientes da Área Sanitaria de Ferrol. Agora, os pacientes fan a súa analítica no Laboratorio e xa se quedan neste ámbito. Son chamados polo sistema de quendas, con maior discreción e protección da identidade.

Unha vez na consulta, terán máis tempo de atención, con labor educativa sobre que é o sintrom como actúa, mecanismo e control do mesmo. Xunto con isto, tamén poderán facerse neste emprazamento as Biopsias de Médula Ósea necesarias no caso de alteracións hematolóxicas, mellorando a atención a estes pacientes cunha consulta propia e específica, que antes había que compartir.

Un Servizo para o control de alteracións sanguíneas

A especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia constitúe unha parte central da medicina que estuda, diagnostica e trata as doenzas do sangue, médula ósea, bazo e ganglios; os compoñentes do sangue e as súas características; e todos os aspectos relacionados coa medicina transfusional a nivel hospitalario.

É unha especialidade estruturalmente singular que inclúe a integración orgánica e funcional de aspectos tanto de laboratorio Hematimetría-Citomorfoloxía; Hemostasia-Trombose (coagulación) e Medicina Transfusional (Servizo de Transfusión-Banco de Sangue); como clínicos con atención no andar, en consulta externa, e no Hospital de Día Onco-Hematolóxico.

Así, como indica dende o propio Servizo a súa responsable actual, Esperanza Romero Picos, no Laboratorio de Hematoloxía, “fanse análises do sangue, hemogramas, nos que, se se detecta algunha alteración, somos os encargados de revisar esas mostras no microscopio e orientar os pasos seguintes”.

No Banco de Sangue, realízanse tanto os estudos pretransfusionais, como a xestión das transfusións necesarias que precisan os pacientes de todo o Complexo en casos de hemorraxias, cirurxías, ou anemias severas; estudos en xestantes; flebotomías terapéuticas, entre outras cuestións. 

No ámbito da Citometría, analízanse as alteracións dos glóbulos brancos en pacientes inmunodepremidos ou con patoloxía hematolóxica. E, no ámbito da Hemostasia ou Coagulación, estudan todas as alteracións que se producen na coagulación do sangue e no ámbito de estudos da hemofilia ou da trombofilia. O relativo á coagulación é o aspecto que se ve máis beneficiado destes novos espazos ampliados.

Grande volume de actividade para os centros da ASF

Para dar conta do volume de actividade deste Servizo, destacar que tan só no eido da Hematoloxía realizábanse un total de 285.737 probas ó longo do pasado ano 2024, entre Hematimetrías (229.382), coagulación (51.997), inmunohematoloxía (3.060), e Citometría de fluxo (1.298).

Producíanse máis de 1.600 consultas de Telemedicina en todos os ámbitos da especialidade, anticoagulación, de hipercoagulabilidade e coagulopatías, na hematoloxía xeral, e estudo de médula ósea e nas sangrías. Foron máis de 48.712 os controis de anticoagulación entre os centros hospitalarios e os centros de saúde da Área.

Un total de 242 interconsultas hospitalarias, e a atención a 152 ingresos. Xunto con isto realizáronse un total de 53 aspirados de médula ósea e 22 biopsias de médula ósea.

Pódese destacar por último tamén, case 2.000 tratamentos no Hospital de Día de Onco-Hematoloxía ó longo do pasado ano 2024; e más de 5.100 hemoderivados transfundidos.

Lea también

AXF continúa na formación de LSE cos máis pequenos

AXF a través dun comunicado expresa o seguinte «este verán tivemos o pracer de participar …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *