Dezasete anos de vivir o baloncesto, de mellorar e de divertirse a través do Campus Chiquibásquet de verán en Ares, exemplificando o seu carácter tradicional na oferta deportiva do Concello: así o lembraron a concelleira Lucía Blanco, Javier Sánchez, técnico deportivo municipal, e Chiqui Barros, promotor do campus, no acto de presentación celebrado no consistorio.
Así, aproveitouse o evento para informar das particularidades desta XVII edición do Chiquibásquet estival, sabendo que se mantén a vocación de achegar o baloncesto aos mozos de Ares. Do 4 ao 8 de agosto, o pavillón polideportivo municipal centralizará a actividade de entrenamentos lúdicos que propón o Campus, sempre en horario de tarde, combinando formación, lecer e deporte.

Nesta décimosétima edición haberá, como debullou o propio Chiqui Barros, unha novidade: establécese un novo grupo de 19 a 22 anos con horario de 14:30 a 16:30 horas. que vén a complementar o que xa había de 5 a 18 anos entre as 17:00 e 20:00 horas. Os dous contarán con metodoloxías que garantan o aprendizaxe e se adapten ás necesidades de cada participante, indo dende os primeiros contactos co baloncesto a certas dinámicas de perfeccionamento de técnicas de xogo.
O prezo do Campus Chiquibásquet é de 60 euros, pero se habilita un desconto destinado aos empadroados en Ares, baixando até os 50 euros. Inclúese o almorzo, camiseta, un regalo e diploma conmemorativo dentro do prezo.
As inscricións xa están operativas ata o 1 de agosto contactando previamente co teléfono 676 408 520, o e-mail chiquibasquet@gmail.com ou presencialmente no pavillón polideportivo municipal.
Que ninguén quede sen gozar do baloncesto e do deporte en xeral!