Ares conclúe coa renovación de carpintería e repintado do Mercado Municipal

Un Mercado Municipal de Ares en  consonancia co lugar no que se inscribe, cunha nova imaxe e máis preparado  en termos de eficiencia enerxética: ese é o resumo detrás da intervención  que vén de finalizar recentemente o Concello nel e que permite ver a  infraestrutura municipal con nova pintura e carpinterías. 

Nestas últimas semanas traballouse sobre as súas ventás, substituíndoas  con perfís de PEV e abatibles e incorporando un dobre acristalamento que  garanta un maior aillamento no Mercado, mais tamén se aplicou un  repintado en toda a fachada con pintura acrílica de tonos brancos e grises. 

O Mercado de Ares loce agora unha paleta cromática adaptada á Guía de  cor e Materiais da Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia  (COAG), cumprindo así coas directrices que se estipulan neste documento  técnico. Un impulso á envolvente do edificio que garante unha estética e un  aillamento de máis calidade. 

Os traballos supuxeron un investimento de 40.930,67 euros, impostos  incluídos, con cargo ás arcas municipais, mais empregando un préstamo do  Instituto Galego da Vivenda e Solo como apoio no seu financiamento. 

Así se da continuidade ao traballo xa desenvolto noutras envolventes de edificios municipais, como executou o Concello no pavillón polideportivo de Ares, nos vestiarios do Numancia ou no local do Centro Cultural Outeiroen Chanteiro, todas elas co foco posto na mellora da eficiencia enerxética.

Lea también

Neda recuperará o segundo depósito de auga existente na zona dos Pazos

O Concello de Neda apostará finalmente no POS+ Adicional para investimentos financeiramente sostibles, ademais de pola …