A biografía de Castelao protagoniza a próxima conferencia da Alianza Aresana

O salón de actos da Alianza Aresana acolle unha nova charla de corte divulgativo coa presenza de Miguel Anxo Seixas  Seoane, presidente da Fundación Castelao e autor da biografía adicada ó  escritor rianxeiro dentro da Editorial Galaxia. 

Seixas achegarase este xoves, 17 de xullo ás 20:00 horas a Ares para falar dun  home, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, fundamental na construción  identitaria da Galicia contemporánea, amais de considerarse como un  clásico indiscutible das letras galegas e unha persoa polifacética:  intelectual, artista plástico, escritor e dirixente político. 

Seguindo o esquema dos tres tomos da biografía, Miguel Anxo Seixas fará  unha panorámica dos principais fitos da cronoloxía persoal de Castelao,  servíndose dun traballo de anos para investigar, documentarse e recoller os  datos que nutren a súa obra biográfica sobre o rianxeiro; un texto para dar luz  a aspectos ignorados ou esquecidos e camiñar ao compás dunha das  personalidades chave da cultura galega.  

Este evento, programado pola Concellaría de Cultura, vén a inscribirse nas  celebracións polo Ano Castelao 2025, unha iniciativa destinada a  conmemorar o seu 75 cabodano –tendo en conta que finou en Bos Aires o 7   de xaneiro de 1950– e debullar así todo o legado que deixou Alfonso Daniel   Rodríguez Castelao nesta Galicia do século XXI.  

SOBRE O PONENTE 

Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) é licenciado en Historia da Arte  Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e  presidente da Fundación Castelao.  

Entre as súas obras destacan O Camiño de Santiago(1990), Ánxel  Casal(1995), Castelao pintor(2006, Galaxia) e “Quen fora pedra”  (2017). 

Castelao: Construtor da nación” supón un conxunto de tres volumes  que abordan, de maneira definitiva, a vida e a obra do autor rianxeiro. 

Lea también

El Museo de la Construcción Naval de Ferrol celebra la Navidad con actividades varias

La Fundación Exponav organiza un año más sus talleres de Navidad para el público infantil, …