Neda promove un obradoiro sobre manexo da dor crónica xunto coa Escola Galega de saúde para cidadáns

Vén de abrirse o prazo de inscrición na actividade, prevista para setembro.

O Concello de Neda programará, en colaboración coa  Escola galega de saúde para cidadáns, un novo cursiño á volta das vacacións de  verán. Trátase dun obradoiro centrado no manexo da dor, entendida como unha  experiencia física desagradable, que presenta ademais compoñentes psicolóxicos e  sociais. Na sesión, para a que acaba de abrirse o prazo de inscrición, prestarase  especial atención á dor crónica, e ofreceranse pautas útiles para convivir con ela.  

Da man de Ana Isabel Calvo, enfermeira da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria  do SERGAS, abordaranse no obradoiro as características e tipos de dor existentes  (crónica e aguda). Falarase da súa avaliación e tratamento e das escalas de  valoración de grao. E finalmente, ofreceranse toda unha serie de recomendacións e  técnicas que poden axudar a reducir a súa intensidade, e aliviar o sufrimento, é dicir,  a resposta emocional a esa dor.  

A iniciativa persegue dous obxectivos fundamentais que son mellorar a información  e comprensión da dor crónica por parte dos pacientes e da súa contorna, e tamén  por parte da cidadanía en xeral. E, doutra banda, proporcionar as habilidades e os  coñecementos necesarios para mellorar a calidade de vida no ámbito persoal e  familiar. 

A actividade, dirixida á poboación en xeral, chegará á Casa da Cultura o día 19 de  setembro, de 16.30 a 20.30 horas, e a acción formativa dará dereito a diploma de  participación. 

Xa está aberta a inscrición, a través da páxina web da Escola Galega de Saúde para  Cidadáns (https://escolasaude.sergas.es/ no apartado de cursos presenciais). Como é habitual, na Casa da Cultura axudarase á veciñanza interesada en participar que teña dificultades para inscribirse online.  

Lea también

Neda celebra este sábado unha nova edición do veterano Festival da canción mariñeira

O paseo marítimo de Neda acollerá o sábado, 6 de setembro, a partir das 19 …