A edil de Feiras e Mercados de Narón, Mar Gómez, presentou a programación do Mercado Medieval, que se celebra do 17 ao 20 deste mes no parque do río Freixeiro. A edil avanzou que se instalarán na zona preto dun centenar de postos de venda de produtos artesáns e gastronómico, ao tempo que indiciou que haberá unha programación durante os catro días con propostas dirixidas a persoas de todas as idades.
O Mercado medieval abrirá o xoves ás 18:00 horas, momento no que se poderán ver xa exposicións de oficios, comezarán os obradoiros e a música, entre outras atraccións.
O venres 18 o mercado reabrirá ás 11:00 horas, coas diferentes actividades, como a apertura da escola de cabaleiros, as exposicións de oficios, a visita do trasno Froilán, a danza dos veos de Nazareth, un pasarrúas musical ás 12:45 horas e un descanso sobre as 14:15 horas para poder xantar nalgúns dos postos instados no propio mercado.
Pola tarde poderase visitar o Mercado dende as 18:30 horas, con propostas musicais con gaitas, tambores e fanfarrias a cargo de Treefolk, a presencia de bufóns, dunha pitonisa, personaxes fantásticos e teatrais, unha dama alada… Ás 23:00 horas dará comezo un espectacular pasarrúas, “Cazadores de dragones”, con músicos, lume, cazadores, teatro… e ao rematar haberá un pasarrúas musical de despedida con Gaeloc.
O sábado a programación continuará en horario de mañá dende as 11:00 horas, con pasarrúas, trasnos, bufóns, a música de Treefolk, Nazareth e os sete veos, personaxes fantásticos e a elfa Cuca, para ao remate realizar unha pausa para o xantar e reabrir ás 18:30.
As melodías de Treefolk regresarán pola tarde ao Mercado, no que tamén haberá espectáculos da danza do ventre, bufóns, un buhoneiro, títeres para os nenos, un pasarrúas musical con Gaeloc, un peregrino, vikingos, un espectáculo de lume ás 22:30 horas, “La niña del fuego”, circo e lime no parque ás 23:00 e novamente o pasarrúas “Cazadores de dragones” ás 23:30 horas.
Na última xornada deste evento, o domingo 20 reabrirá de novo ás 11:00 horas o Mercado medieval e regresará a música de Treefolk, os bufóns, títeres, un ente máxico dos bosques, as gaitas e tambores de Gaeloc, a danza do ventre e moitas outras propostas. Pola tarde poderase visitar o Mercado dende as 18:00 horas e tamén haberá música e novas sesións de maxia e un pasarrúas infantil de despedida con música, danza, personaxes fantásticos… e un pasarrúas de despedida ás 21:45 horas, con música, danza, lume, cazadores de dragóns e un espectáculo aéreo con lume e circo, no que participarán todas as compañías.

A edil naronesa avanzou que a maiores haberá durante a fin de semana atraccións infantís, un artesán da madeira realizando tallas en directo, un espazo para a práctica de tiro con arco para pequenos e maiores, probas de habilidade, un área de práctica de combates, un obradoiro de moedas e un campamento medieval para descubrir a vida e as costumes da época. Mar Gómez destacou “a gran variedade de propostas e postos que un ano máis participarán no Mercado Medieval de Narón”.
Unha cita que, recalcou “cada ano reúne a centos de persoas ao longo de cada xornada no parque de Freixeiro, para desfrutar de toda a oferta deste evento”, animando á cidadanía de Narón e doutros concellos a achegarse a gozar do mesmo.