Narón acolleu dende o pasado 26 de xuño a XII Edición Campus Hockey Coruña Bargalló Cancela, coorganizado polo Campus Hockey Coruña, o Club Hockey Narón e o Concello de Narón. Nesta ocasión o encontro, desenvolvido en dúas quendas, tivo como epicentro da actividade o pavillón polideportivo do Val e contou coa colaboración da AVV Irmandiños desta parroquia.
Ao longo destes 15 días pasaron polo campus máis de 200 nenos tanto de Narón como chegados dende diferentes puntos de España, Portugal, Italia e incluso a India. A rapazada puido disfrutar de adestramentos de tecnificación de alto nivel, compartindo pista e aprendendo directamente de xogadores de primeira categoría do panorama tanto nacional coma internacional.
Este campus contou ademais coa implicación de xogadores da OK Liga con grande proxección de futuro que exerceron como monitores nestas xornadas.
Ademáis do hockey, nesta edición os participantes puideron disfrutar doutra serie de actividades como un día de piscina, paintball ou golf grazas á colaboración do Club de Golf Campomar que se atopa nas proximidades do propio pavillón do Val.
Tanto a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, como o Concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, visitaron en varias ocasión aos participantes nesta actividade, destacando o orgullo que supón para Narón acoller na recentemente estreada pista de hockey do Val, un evento coma este, agradecendo especialmente o traballo realizado polo Club Hockey Narón ao longo de todo o ano.