Acto institucional, concertos e festival de habaneras para pechan en Fene o ciclo Xullo, mes da Patria

A fenesa Gisela Sanmartín Novo, directora do grupo de cantareiras Xirifeiras de Airiños de Fene e presidenta da Asociación de Tocadoras Galegas Somos Pandeireteiras é a autora e será a encargada de ler esta tarde a declaración institucional do Concello de Fene polo Día da Patria Galega.
 
 

O acto, presidido pola alcaldesa, Sandra Permuy, comezará ás 20 horas no parque Liñal do Río Cádavo, a carón do monumento 25 de xullo. Tamén participará o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e no acompañamento musical, unha representación do grupo Xirifeiras. Tamén este xoves 10 a partir das 21 horas, a actividade do ciclo “Xullo, mes da Patria” trasládase á praza do alcalde Ramón J. Souto González cos concertos de Ulex, “Lonxe de ti”, e De Ninghures, “Feira”. E mañá venres, no mesmo espazo, concluirá o ciclo co Festival de habaneras e canto coral.

Coincidindo coa adicatoria do Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificada nas cantareiras e pandereteiras, o Goberno Municipal de Fene convidou este ano a Gisela Sanmartín a elaborar a declaración institucional, sumándose a unha longa lista de persoas de recoñecida traxectoria cultural e veciñal que desde hai máis de 20 anos “nos agasallan coas súas verbas nesta conmemoración”. A cantareira e directora do grupo Xirifeiras participará no acto institucional previsto para as oito do serán, diante do monumento 25 de xullo, no parque Liñal do Río Cádavo.

A continuación, ás 21 horas, celebraranse na praza do alcalde Ramón J. Souto González os concertos de Ulex e De Ninghures.

Ulex nace en Compostela en setembro de 2022 e xorde do amor pola música e as ganas de tocar de catro adolescentes Xian Castro (voz principal e guitarra rítimca), Mónica Fuentes (baixo), Tomás Sánchez (guitarra solista e coros) e Martinho Quintela (batería e voz principal). Con influencias de bandas galegas como Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grande Amore, The Rapans ou O Sonoro Maxín esta banda, chamada coma o nome científico do toxo, fai rock atolondrado – como din eles – con aires cumbieiros. A banda sonora perfecta para a vida da mocidade galega. En 2025 publican o seu primeiro disco, Lonxe de ti, que presentarán esta noite en Fene.

Pola súa banda, De Ninghures é unha das bandas referentes da potente e rica escena do folk galego actual. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois (coma o exitoso Morena) presentan traballo e espectáculo novo, titulado Feira.

 

FESTIVAL DE HABANERAS

O ciclo Xullo, mes da Patria do Concello de Fene concluirá este venres 11 de xullo, ás 20.30 horas, co tradicional Festival de habaneras e canto coral no que as protagonistas serán as corais e rondallas do concello: a Rondalla Estrelecer (CMI), o Tradicoro (Airiños de Fene), a Coral Polifónica O Pote de Maniños e a Coral Agarimo de Sillobre. A cita será, novamente, na Praza do alcalde Ramón J. Souto Gonzalez.

Lea también

La Escola de Gaitas de Ortigueira hace historia

La Escola de Gaitas de Ortigueira, pone el mayor punto de emoción en la edición …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *