O programa, no que todas as películas terán entrada de balde, completarase no mes de outubro con outros catro pases.
Cedeira está un ano máis entre as seis localidades da provincia da Coruña polas que vai pasar o melloriño do cine galego do último ano. O ciclo Mestre Mateo levará á gran pantalla do Auditorio Municipal as películas que foron finalistas nas diferentes categorías dos premios da Academia Galega do Audiovisual, a entidade que promove o programa contando co apoio da Deputación Provincial.
O ciclo abrangue dez sesións, seis das cales están programadas para o presente mes de xullo. Todas serán de balde, ata completar aforo, e o calendario é o seguinte: “Aurora”: 11 de xullo, 21.00h, cine documental, público adulto. Aurora e Area, mulleres de mundos totalmente dispares e con gran diferenza de idade entre elas, establecen unha forte relación de intimidade, confianza e profundas conversacións ligadas á morte, a familia, a guerra e o papel da muller.
“Filmei paxaros voando”: 18 de xullo, 21.00 horas, cine documental, público adulto. Zeltia, tras dúas décadas en Barcelona lonxe da súa Galicia natal e da súa nai Socorro, unha muller conservadora da que se afastou, regresa á súa terra para filmar unha película e explorar o seu desarraigamento familiar. Na procura de respostas, segue a vida do seu tío Antonio, un artesán téxtil co que se identifica pola súa creatividade e visión da vida.
Con todo, é coa súa nai con quen realmente se reencontra, sobre todo cando a saúde de Socorro empeora. Entre rodaxes e coidados, nai e filla atopan un espazo para sandar vellas feridas e compartir momentos de complicidade e amor. “Prefiro condearme”: 22 de xullo, 21.00 horas cine documental, público adulto. Parte dun xuízo por adulterio contra unha mariscadora da ría de Ferrol durante a ditadura, en 1972.
O Tribunal eclesiástico de Compostela, que asume competencias civís, contra todo prognóstico absolve a Sagrario Ribela Fra. Ten 33 anos. Recompoñer as pezas desta historia lévanos a un personaxe popular capaz de confrontar as regras que, tamén no terreo dos afectos, encérrana nun papel de subalterna. E se emerxe a violencia, os malos tratos, a falta de dereitos á vez que unha atmosfera social opresiva, en realidade do que trata a película é do que todas e todos desexamos: querer e que che queiran.
“+Cuñados”: 23 de xullo, 21.00 horas, cine ficción, non recomendada a menores de 12 anos. Comedia sobre as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar o que máis queren: a familia. Eduardo e o seu cuñado Sabonis acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto, cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados.
“Salvaxe, salvaxe”: 29 de xullo, 21.00 horas, cine documental, público adulto. Ules iso? A cámara penetra nos montes galego portugueses, rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico. Este ensaio fílmico atravesa unha historia relacional cargada de sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Xorde un antidocumentalde natureza: lobos que miran a cámara aterrorizados e humanos que aúllan. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.
“As Neves”: 30 de xullo, 21.00h, cine ficción, non recomendada a menores de 12 anos. As Neves é un pobo galego de montaña onde todos coñécense. A noite de entroido un grupo de adolescentes celebran unha festa e se drogan con cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte espertan cun temporal de neve e a noticia de que Paula, unha das mozas da festa, desapareceu. Mentres, o pobo queda incomunicado e cae internet. Cada vez é máis urxente atopala. Iníciase unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.
Xunto con estes pases, completarán o ciclo Mestre Mateo en Cedeira outras catro sesións –“HoneyMoon, “Xustiza Artificial” e dúas adicadas ás curtametraxes- que se desenvolverán no mes de outubro.