Unha vintena de persoas tomaron parte esta pasada fin de semana na Ruta do Ouro, o segundo percorrido do programa “En ruta con Equiocio Ferrol”. Unha oportunidade única de achegarse aos vestixios da industria aurífera en Covas da man da Sociedade Cultural Columba.

O seu presidente, José Manuel López Hermida, guiaba ás persoas participantes, que partían contra as 11 horas do Campo das Cabazas, enclave natural que acollerá o certame ecuestre do 31 de xullo ao 3 de agosto. Cun magnífico tempo e ambiente, completaban os algo máis de 6 km do percorrido, con parada destacada na explotación a ceo aberto de Covarradeiras, da época prerromana.


Unha ruta coa que Equiocio Ferrol continúa dando a coñecer o territorio a través da actividade física, e na que contou de novo coa colaboración da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, cunha intérprete de lingua de signos que permitiu eliminar barreiras auditivas nesta actividade de lecer.

En breve, Equiocio Ferrol abrirá inscricións na terceira e última ruta da iniciativa neste 2025, a Volta ao Cabo.