Os retos das migracións, a debate no Campus Industrial de Ferrol da man do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros Barros; a presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz Sixto; e as codirectoras do Curso Carlos Gurméndez, a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña (UDC), Asunción López Arranz, inauguraron, este mércores, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a 26ª edición do curso de pensamento e comunicación «Carlos Gurméndez» que, ao longo dos días, 2, 3 e catro deste mes de xullo, afondará nos retos das migracións.

Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, agradeceu a elección, “un ano máis”, do Campus Industrial de Ferrol como sede dun curso que atrae como público, edición a edición, a un bo número de profesores e profesoras de ensino non universitario da comarca e que, nesta ocasión, espertou tamén o interese do alumando do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación.

A maiores, Ana Ares Pernas, falou da Clínica Xurídica “Xustiza Social”, un Proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) no que o estudantado pon os seus coñecementos ao servizo das persoas usuarias do cárcere de Teixeiro (A Coruña), do Consorcio As Mariñas ou da entidade Cáritas. Nesta liña, a vicerreitora resaltou tamén o papel da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), un servizo que, entre outras moitas funcións, lle facilita o acceso á Universidade da Coruña (UDC) a aquel alumnado que reside en países en conflito ou se atopa nunha situación de refuxio.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, gabou a figura de Carlos Gurméndez, definíndoo como un “conversador infatigable”, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros Barros, felicitou á equipa do Club de Prensa por facer deste curso do pensamento e comunicación todo un referente na comarca e por achegar ata a cidade departamental, ano a ano, a un bo número de persoas expertas de recoñecido prestixio nacional e internacional.

Tamén tomaron a palabra a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto, e as codirectoras do Curso Carlos Gurméndez, a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña (UDC), Asunción López Arranz, quen animaron ao público asistente a participar activamente nunha xornada na que se analizarán os retos e as oportunidades das migracións.

Conferencias e palestras abertas tanto á comunidade universitaria como ao público xeral interesado

Ao remate do acto de inauguración, o secretario xeral de Emigración, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Migración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, impartiu a conferencia “Emigración e inmigración: dous puntais fundamentais sobre os que construír a Galicia do futuro”.

A continuación interveu tamén o almirante retirado da Armada, o ferrolán Juan Rodríguez Garat quen falou sobre xeopolítica, seguridade e migracións no século XXI.

Xa pola tarde, a partires das 16:30 horas, tivo lugar a conferencia do catedrático de Xeografía e Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato Raúl Soutelo Vázquez e na que afondou nas causas, nos protagonistas, nos destinos e nas consecuencias persoais, familiares e colectivas das migración na historia contemporánea de Galicia. Ao seu remate, deu comezo a palestra titulada “Acompañamento Integral ás familias desde Cáritas” na que participaron a educadora social Patricia Filgueira e o animador sociocultural José María Bocanegra.

Xoves e venres

Na xornada deste xoves, día 3 de xullo, intervirán a investigadora do Instituto de Estudios sobre Desarrollo y Cooperación Internacional (Hegoa) da Universidad del País Vasco (UPV/EHU), Ivana Belén Ruíz-Estramil; o catedrático de Socioloxía na Universidade da Coruña (UDC) e integrante do Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), Antonio Izquierdo Escribano; e a investigadora do Centre Delàs d’Estudis per la Pau de Barcelona, Ainhoa Ruíz Benedicto. A maiores, ás 18:00 horas, Maquinarias Teatro representará a obra “Atrapadas”, dirixida por Cristina Mariño, Eugenia Sanmartín xunto Helga Méndez.

Por último, o venres, día 4 de xullo, a partires das 10:00 horas, terá lugar unha segunda palestra titulada “Migracións: Perspectiva sociopolítica e económica” na que participarán o exministro de Traballo e Inmigración na novena lexislatura baixo a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero, o economista Valeriano Gómez Sánchez; e o catedrático de Economía Aplicada na Universidad Autónoma de Madrid (UAM), Santos Miguel Ruesga Benito.

Lea también

Este viernes comienzan las fiestas de verano de Ferrol (actos del finde)

Aunque desde el día 1 de agosto comenzó el mes festero de agosto, con la …