O salón de plenos do Concello das Pontes acolleu a presentación da oitava edición da proba de obstáculos “Samurai Xtreme Race” que se disputará o domingo 6 de xullo no entorno do lago pontés.
Elena López, concelleira delegada de deporte, subliñaba que “é un orgullo acoller un ano máis un evento destas características no noso Concello, que mobiliza a tanta xente entre a organización, voluntarios, e participantes. Unha proba de gran relevancia xa que este ano, ademais, é Campionato de España”.
Pola súa banda, José Rodríguez, presidente do Samurai Sports Club e responsable da organización, comentaba os detalles da proba, que “conta xa con1500 participantes inscritos. Comezaremos o domingo ás 10:30h coa saída dos participantes do campionato de España en categoría Élite. Ás 11:30 horas sairán os da categoría Starter e a continuación, en quendas de 160 irán saíndo os corredores cada 20 minutos. Finalmente, ás 13:30 horas será a quenda dos voluntarios, que tamén poderán gozar da experiencia desta Samurai Xtreme Race.”
Trátase dun percorrido perfectamente estudado que contará con preto de 80 obstáculos durante os seus máis de 10 km de distancia, algúns deles, espectaculares como o “topo”, un túnel que discorre baixo terra pero do que José Rodríguez non quixo dar moitos máis detalles, xa que segundo as súas propias palabras “é unha novidade nos obstáculos deste ano e queremos que sexa unha sorpresa para os corredores”.
En canto á participación, José Rodriguez comentaba que “segue aumentando a porcentaxe de mulleres. En adultos estamos preto do 50% pero en nenos, as rapazas xa superan o 60% de participación”.
José Rodríguez quixo tamén agradecer a colaboración de entidades como o Concello das Pontes ou a Deputación da Coruña, sen esquecer á Cámara Mineira, que este ano tamén se sumou á organización da Samurai Xtreme Race. Ademáis, o presidente do Samurai Sports Club fixo unha mención especial a toda a xente que participa colaborando coa carreira, como os voluntarios.
“Este é un traballo de moita xente que leva moito tempo preparando esta proba. Eu só son o coordinador pero isto non sería posible sen a organización e os máis de 100 voluntarios que están con nós, e que o domingo están ao pé do canón dende primeira hora. En cada obstáculo fan falta un ou dous voluntarios e iso implica moitas horas de traballo e dedicación” subliñaba José Rodríguez.
Non quixo esquecer o coordinador da proba o carácter solidario desta Samurai Xtreme Race. “Dende os comezos sempre colaboramos con causas solidarias, e este ano non ía ser menos. Por iso nesta edición, o recadado na proba junior e na carreira de campo a través irá destinado á Fundación Degen”.
Para rematar o acto de presentación, a concelleira de deportes Elena López quixo convidar a toda a veciñanza a achegarse ao lago das Pontes o vindeiro domingo 6 de xullo. “Este ano a carreira promete ser épica, e a calor humana neste tipo de probas sempre é de agradecer”.
Tamén aproveitou a ocasión para agradecer á organización da Samurai Xtreme Race o colocar ás Pontes no epicentro deste tipo de probas deportivas.