A Escola Municipal de Baile de As Pontes será a progoeira das Festas do Carme e a Fraga 2025

O cartel das festas, obra de Laura DEcibreiro mestura elementos visuais que evocan as dúas festas, como os fogos artificiais e as luces de verbena, reflectindo a diversidade e o espírito festivo da vila.

O Concello das Pontes presentou este lúns o programa das Festas do Carme e A Fraga 2025, que se celebrarán do 11 ao 25 de xullo, con propostas culturais, relixiosas e lúdicas para todas as idades.

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destacou que as festas arrancan oficialmente o 18 de xullo, co pregón, que este ano estará a cargo da Escola Municipal de Baile Moderno, Danza Clásica e Flamenco, dirixida por Jaime Pablo Díaz, quen expresou a súa emoción e agradecemento polo nomeamento: “é un orgullo que nos escolleran como pregoeiros, e quero agradecerlle a Lorena Tenreiro, concelleira de cultura, que pensasen en nós. Cando me deron a noticia emocioneime sobre todo porque o recoñecemento é para o esforzo e a dedicación do profesorado pero sobre todo do alumnado da escola de baile».

«Eu son o director da compañía Nova Galega de Danza e sempre tentei inculcar o que para min é a danza e as artes escénicas. E dende logo o alumnado sempre foi moi receptivo coa miña mentalidade e coas miñas propostas, e grazas a iso a escola foi medrando ata acadar o excelente nivel que ten hoxe en día» engadiu Jaime Pablo Díaz contou tamén que “imos con moitísima ilusión, e queremos que veña todo o mundo a ver o pregón porque temos preparada unha sorpresa moi especial que seguro que lle vai encantar ao público”.

Durante a mesma presentación, tamén se deu a coñecer o cartel oficial das festas, deseñado pola artista pontesa Laura DEcibreiro, quen puxo en valor a oportunidade de contribuír co seu traballo creativo: “que apoie o traballo creativo e profesional nestes tempos nos que tanto abunda a intelixencia artificial. Para min é un orgullo poder deseñar o cartel das festas da miña vila»

Sobre os motivos que inspiraron á deseñadora pontesa para crear este cartel, Laura contaba que “a min sempre me gusta moito debuxar As Pontes; é un sitio marabilloso e fermoso, se sabes onde mirar. Aquí o reto era reflectir dúas festas moi diferentes; o Carme e a romaría da Fraga, que se viven de xeito distinto. Pero se hai un elemento común entre as dúas é o baile, que é sinónimo de celebración e alegría. E no cartel están representadas as dúas festas; as vestimentas son diferentes, os fondos… con fogos artificiais por un lado, as luces de festival por outro… e penso que recolle bastante ben o espírito tanto do Carme como da Fraga”.

Dúas semanas de música, tradición e espectáculos para todos os públicos
A concelleira delegada da área de cultura, Lorena Tenreiro, que aproveitaba para debullar máis polo miúdo o programa das festas, subliñaba que “a pesar de que as festas comezan oficialmente o 18 de xullo coa lectura do pregón, as actividades xa empezan unha semana antes, con actividades que xa se están consolidando dentro da programación cultural das festas, como as Noites do Carme, e que serven para achegar a cultura a un entorno renovado e que se presta para este tipo de propostas, como é a Praza de América”.

Nesta ocasión amplían a súa programación con respecto á edición anterior; o día 11 de xullo a partir das 21:00 horas poderemos gozar da proposta da escola municipal de baile moderno, danza clásica e flamenco; o 12 de xullo será a quenda do Certame de Bandas ás 20:00 horas precedido dun pasacalle ás 19:30 horas, coas bandas Isabel II de Touro, a Banda de Música de Arca e a Banda Cultural e Recreativa das Pontes.

As Noites do Carme continúan dende o luns 14 ao xoves 17 de xullo, na Praza de América, co III Festival de AcordeónsVila das Pontes”; o Festival “Música de Ultramar” no que participarán a Rondalla Vila das Pontes e a agrupación coruñesa “Amizades”; e por suposto tamén haberá espazo para a música tradicional coas actuacións da banda de gaitas da escola municipal de música tradicional e o grupo de baile da escola municipal de baile galego, que farán unha actuación conxunta; e na última xornada das “Noites do Carme” oprotagonismo será para as agrupacións tradicionais Canavella, Os Trevillas e No Cómbaro

Dentro das propostas culturais para esta primeira semana tamén destaca a inauguración, o 10 de xullo coa exposición “Unha foto, un poema”. Unha mostra de creación colectiva con fotografías e versos de autores locais, e que poderá verse no patio do Colexio Santa María. Así mesmo, na Casa Dopeso, ata o 24 de xullo, poderá visitarse a exposición “As Pontes Eléctrico” do artista Luis Torrente, dedicada á arquitectura industrial do municipio e o día 11 de xullo ás 19:30 horas na Casa Dopeso terá lugar a presentación da revista n.o 17 da Asociación de Estudos Históricos “Hume”.

Dentro do programa das festas tamén hai cabida para os máis cativos, e por iso un ano máis volve o “Parque Activo” que este ano adianta a súa programación ao 14 de xullo, e nos xardíns do Campo da Feira ofrecerá xogos, espectáculos e música en horarios de mañá e tarde, cun programa que inclúe propostas como “Circo na casa de MeRe Clown”,Son Animal” de Paco Nogueiras, ou os contacontos de Brais das Hortas.

O comezo oficial destas Festas do Carme e a Fraga do 2025 terá lugar o venres 18 de xullo, ás 20:30 horas co pregón, que precederá a un dos pratos fortes da programación cultural deste ano: o concerto do tributo ao grupo Mecano “Hijo de la luna”, ás 22:00 horas, e a continuación terá lugar a primeira verbena das festas coas orquestras Finisterre e Panorama City.

Xa o sábado 19 haberá pasacalle dende as 11:30 horas, concerto da Banda de Música, sesión vermú co grupo Antha, e a tradicional Procesión Nocturna da Virxe do Carme ás 21:30 horas, cun alto na Praza do Hospital para a actuación da Coral e un espectáculo piro-musical. A noite culminará coa verbena a cargo das orquestras Los Players e Los Satélites. O luns 21 arrinca o Festival Internacional de Folclore co tradicional pasacalle ás 18:30 horas seguido das actuacións no Pavillón Polideportivo Municipal de grupos de Panamá, India, Eslovaquia, Valladolid e Galicia. Pechará a xornada a verbena coas orquestras Origen e Olympus.

O martes 22 e o xoves 24 haberá actividades infantís e música coas actuacións de Os Trevillas e o Festival A Fraga, con artistas como Nimbosa, Ailá, The Rapants e Señora DJ. As festas culminan o venres 25 de xullo coa emblemática Romaría da Fraga, declarada de Interese Turístico. A misa de Santiago Apóstolo será ás 12:00 horas, seguida da sesión vermú con Louband, o pasacalle dos Festicultores e a verbena final coa orquestra Los Españoles.

Toda a programación estará dispoñible no programa de man, na web do Concello e nas súas redes sociais oficiais.

Lea también

Valdoviño participa con la comisión de la FEMP en la reunión sobre autocaravanismo organizada por la DGT

En condición de vocal de la Comisión de Transporte, Movilidad e Infraestructuras de la Federación …