Equiocio Ferrol abre inscrición no Concurso Nacional de Salto tres estrelas Cidade de Ferrol

Equiocio Ferrol abriu o prazo de inscrición para o Concurso Nacional de Salto tres estrelas Cidade de Ferrol. A competición principal do veterano certame ecuestre disputarase entre o 1 e o 3 de agosto en As Cabazas e aspira a reunir, coma sempre, aos mellores xinetes e amazonas de dentro e de fóra do país.

A través da web da Real Federación Hípica Española pódense formalizar ata o 22 de xullo, as inscricións nas distintas probas deste concurso nacional, o único da súa categoría no calendario galego.

A competición disputarase na pista de 75 x 50 metros, de herba natural, de As Cabazas. Unha pista que, a diferenza dos últimos anos, e co ánimo de facilitar ao público o seguimento dos concursos, albergará tamén a totalidade das probas territoriais.

O CSN *** incluirá un total de 12 probas oficiais, sobre alturas de 1,10; 1,20; 1,30; 1,35 e 1,40 metros de altura (a máis esixente é o denominado Gran Premio Cidade de Ferrol, programado para o domingo 3). En cada unha delas, cada xinete ou amazona poderá participar con ata tres cabalos. O concurso nacional incrementa os premios ata superar os 19.000 euros.

A organización destaca o interese do tres estrelas que, cada ano, conta con solicitudes de participación chegadas de boa parte do estado, e adoita contar cunha potente delegación de xinetes de primeirísima liña do veciño Portugal. Na última edición, o Gran Premio Cidade de Ferrol quedaba en Galicia, ao imporse nunha emocionante final Javier González Fraga, a lombos de “Sonic JGF”.

Equiocio Ferrol, que se celebrará do 31 de xullo ao 3 de agosto en Covas- Ferrol, contará para o CSN*** co patrocinio de Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia e as colaboracións de JRilo, Deporte Galego, Pavo ou a Federación Hípica Galega.

Lea también

AXF lanza un nuevo alfabeto solidario en lengua de signos para fomentar la inclusión

La Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF) pone en marcha una nueva iniciativa solidaria …