Este domingo se celebra a terceira edición da proba ciclista Mini BTT “Vila das Pontes”

O concello das Pontes acolleu esta semana a presentación da terceira edición da proba ciclista Mini BTT “Vila das Pontes” que se celebra o domingo 22 de xuño no entorno do lago, organizado polo club ciclista Terras do Eume en colaboración co Concello das Pontes.

A concelleira delegada da área de turismo, Elena López, destacaba a relevancia que está acadando o lago das Pontes “no que xa se celebraron varias probas deportivas de gran relevancia, a última, a XCO Vila das Pontes que tiña lugar o pasado mes de maio, e agora temos a sorte de contar con esta terceira edición do Mini BTT”.

Subliñaba a concelleira que “este tipo de probas sempre atraen á vila moitísimos participantes, pero tamén a familias e afeccionados ao ciclismo, e para nós é un orgullo exercer de anfitrións para tódolos visitantes que acoden a estes eventos”.

Pola súa banda, Fran Feal, presidente do Clube Ciclista Terras do Eume, comentaba máis polo miúdo os detalles da proba, que nas súas propias palabras “xa se encontra consolidada no calendario deportivo desta disciplina deportiva, na que van participar ciclistas das categorías benxamín, promesa, principiante e alevín”.

A proba terá lugar o vindeiro domingo 22 de xuño a partir das 9:30 horas da mañá pero segundo comenta Fran Feal “vai haber xente no entorno do lago durante toda a fin de semana, facendo o recoñecemento do circuíto”. O deseño do percorrido estará adaptado ás diferentes categorías, e segundo indicaba o presidente do club ciclista, “contamos coa experiencia dos anos anteriores, e agardamos que sexa un éxito de participantes, con deportistas que van vir dende diferentes puntos de Galicia, porque coincide co remate do curso escolar, e contamos cunha moi boa previsión meteorolóxica”.

A concelleira Elena López quixo agradecer a colaboración dos traballadores do departamento de obras do Concello das Pontes, así como de Protección Civil e Policía Local “porque sempre que temos este tipo de eventos traballan arreo para que todo saia á perfección”. Tamén agradeceu especialmente a implicación do club ciclista Terras do Eume “porque tódolos eventos que se organizan no entorno do lago implican moito traballo e implicación por parte dos membros do club e dos voluntarios. E tamén quero dárllelas grazas por posicionar o lago das Pontes e o noso concello como un dos circuítos máis recoñecidos a nivel deportivo en Galicia”.

Finalmente, a concelleira delegada de turismo agardaba unha afluencia masiva de participantes e público e aproveitou a ocasión para convidar a toda a veciñanza pontesa a achegarse ao entorno do lago das Pontes para gozar do espectáculo da bicicleta de montaña.

Lea también

Sabor agridoce para os clubs de atletismo galegos no último encontro de Liga

Ca disputa do terceiro encontro de liga celebrado esta fin de semana, remata un ano …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *