Richi Casás presenta en Valdoviño a súa obra “Fuliada na Vila”

O Foro Galego Literario ábrese este mércores 18 ao público para acoller a presentación do libro «Fuliada na Vila», do músico Richi Casás. O acto dará comezo ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de Valdoviño, coa intervención do director do foro, o escritor e profesor Antón Cortizas, que dará paso de seguido ao autor protagonista da sesión, para propoñernos unha viaxe aos mundos musicais e emocionais da súa traxectoria.

As gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recolleu na casa de súa avoa Rosa -unha das homenaxeadas este ano nas Letras Galegas- son o punto de partida da aposta artística de Richi Casás.

Sobre esta herdanza, o saxofonista edifica unha novidosa proposta musical na que conflúen varias culturas: das pandeiretas ás orquestras; dos ritmos latinos ao jazz. Ademais, no texto que guía a narración do libro, Richi Casás reflexiona acerca de diversos temas, como a función social da música de raíz ou o papel que deben xogar os arquivos que a conservan.

Tamén sobre os valores do mundo rural, que o autor peneira, igual que fai coas músicas, para ofrecer unha proposta de futuro.

A presentación en Valdoviño do libro, editado por a Central Folque, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da liña de subvencións para a promoción do uso da lingua galega.

Lea también

La Asociación de Veciños de Doniños acogió, este viernes, el Certamen de Corales de Navidad

La Asociación de Veciños de Doniños fue este fin de semana el escenario del Certamen …