A mostra da Deputación “Sinaladas” chega a Fene

Poderá visitarse na praza do alcalde Ramón J. Souto González ata o 29 de xuño. “Desde a área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación mantemos o compromiso coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas, así coma a das loitas colectivas da época, coma a das cigarreiras coruñesas ou o motín do arsenal de Ferrol”, dixo Sol Agra na inauguración da exposición.

Fuente Diputación de A Coruña

A exposición itinerante da Deputación da Coruña “Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión” xa está en Fene.

Poderá visitarse ata o 29 de xuño na praza do alcalde Ramón J. Souto González, onde se inaugurou este martes 17 nun acto no que participaron as deputadas de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, e de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, ás que acompañaron a alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá.

Fuente Diputación de A Coruña

“Esta é unha exposición de rúa”, dixo Agra na súa intervención, “que permite unha achega á Memoria Histórica desde o espazo común, habitual e amable polo que camiñamos, paseamos, mercamos e desenvolvemos a nosa vida no día a día”. “Un espazo público”, engadiu, “que ademais de acollernos nos informa e dá pé a reflexión e o debate, arredor do que nestes paneis se representa: desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia”.

A titular de Igualdade reafirmou o compromiso do seu departamento “coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas; tanto mulleres senlleiras como María Casares, coma outras menos coñecidas, caso das mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo; así coma coa difusión de loitas colectivas da época, entre elas a das cigarreiras coruñesas ou motín do arsenal de Ferrol”.

Fuente Diputación de A Coruña

Para Agra, “é un orgullo iniciar o percorrido desta exposición en Fene e falar da historia das mulleres nun concello que acaba de facer historia por ter, por primeira vez, unha alcaldesa”. A deputada deulle os parabéns “á compañeira Sandra Permuy, que seguirá co magnífico traballo que Tino Trigo e a súa equipa estiveron desenvolvendo estes anos”.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, fixo un chamamento á veciñanza, ás entidades sociais e culturais e ao tecido asociativo do concello a achegarse á mostra, “porque recupera unha parte da nosa historia que foi silenciada durante décadas e que cómpre visibilizar”. Destacou tamén “a emoción de ver reflectida nesta exposición a veciña da Fraga Olimpia Barcia, que vén de cumprir 103 anos e que representa a forza e a dignidade de tantas mulleres galegas que fixeron país desde o traballo, a resistencia e o compromiso”.

Fuente Diputación de A Coruña

A exposición

“Sinaladas” é unha proposta que o departamento de Cultura da Deputación puxo en marcha en 2023 co obxectivo de divulgar a figura de mulleres e dos movementos activistas femininos para ofrecer unha visión global da súa memoria durante cen anos de historia, desde finais do século XIX ata o remate do século XX.

Artellada en 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes que contan a historia de 540 mulleres, “Sinaladas” está dividida en trece estruturas. A primeira é de presentación e as doce seguintes de contidos divididos por temáticas. Os catro primeiros céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras pola súa loita. Os catro seguintes, no período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla. E os catro últimos no mantemento da represión contra as mulleres despois do 36, da posguerra e mesmo da morte do ditador, así como na permanencia da súa loita, imprescindíbel na consecución da democracia.

Fuente Diputación de A Coruña

Logo de Fene, a mostra fará parada en Culleredo ( do 1 ao 14 xullo), Santiago de Compostela (do 29 xullo ao 11 agosto), Corcubión (do 12 ao 24 agosto) e Ribeira (datas por confirmar).

Lea también

Exponav acoge una conferencia magistral sobre la influencia de Álvaro de Bazán en la construcción naval del siglo XVI

    El museo de la Construcción Naval de Ferrol (EXPONAV) será escenario hoy miércoles …