Os Premios PEL da Deputación baten récord de participación, con 127 candidaturas presentadas

O acto de entrega dos Premios PEL terá lugar o 20 de xuño no Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón. A Deputación da Coruña repartirá 75.000 euros en premios entre proxectos destacados polo seu talento emprendedor, traxectoria empresarial e innovación sostible.

A VII edición dos Premios PEL bateu este ano o seu récord histórico de participación, con 127 candidaturas presentadas por empresas e persoas autónomas da provincia da Coruña. A convocatoria, promovida pola Deputación de A Coruña, consolídase así como un dos principais recoñecementos ao emprendemento e á innovación empresarial de Galicia.

O prazo de inscrición pechouse o pasado 16 de maio e o xurado de persoas expertas reuniuse esta mañá na sede da institución provincial para valorar as propostas, que optan a un total de 75.000 euros en premios.

O acto de entrega dos premios PEL 2025 terá lugar o venres 20 de xuño ás 19.30 horas no Campus Tecnolóxico Cortizo de Padrón, nun evento que reunirá representantes do mundo institucional, empresarial e social.

Tres categorías, máis visibilidade

As candidaturas distribúense en tres categorías: Iniciativa Emprendedora (31); Traxectoria Empresarial (79); Proxección e Innovación Sostible (17), esta última a proposta do propio xurado.

O perfil das entidades participantes reflicte a diversidade e dinamismo do tecido económico coruñés con 58 microempresas34 profesionais autónomos e unha ampla representación do sector servizos (83), no que destacan especialmente empresas de ámbitos como a hostalería, o turismo, a educación e a formación.

Compromiso co territorio e coa igualdade

As candidaturas presentadas proceden de 40 concellos da provincia, cunha forte presenza das comarcas da Coruña e Santiago. Ademais, destaca o compromiso coa igualdade de xénero, xa que en máis da metade das candidaturas (60), as promotoras son mulleres ou as empresas contan cunha participación feminina igual ou superior ao 50 % no capital social.

Xurado experto e recoñecemento á excelencia

O xurado estivo presidido por Antonio Fontenla Ramil, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), e contou coa participación de profesionais do ámbito universitario, financeiro, da economía social e do emprendemento, como José Manuel Cotos Yáñez (USC), Antonio García Lorenzo (UDC), Rosa Mary Cardeso Trillo ( Cámara de Comercio de Santiago), Romyna Fraga Lesta (Cámara de Comercio da Coruña), Carme Pampín Casal (GalChimia S.A.) e Verónica Marcos Arrojo ( FADEMUR)

Durante a deliberación, valoráronse criterios como a orixinalidade da idea, o grao de innovación, o impacto social e territorial da empresa ou a implantación de medidas de responsabilidade social.

Ademais dos tres premios principais de 20.000 euros cada un, o xurado acordou conceder tres accésits de 5.000 euros a empresas cunha especial relevancia e impacto no territorio.

Acto de entrega en Padrón

Os gañadores desta edición 2025 dos Premios PEL da Deputación da Coruña daranse a coñecer durante a gala oficial que se celebrará o vindeiro 20 de xuño no Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón. O acto servirá para recoñecer publicamente a contribución das empresas ao desenvolvemento económico sostible da provincia e permitirá ademáis fomentar o contacto e o intercambio de experiencias entre as candidaturas participantes.

Lea también

Desactivada la ‘Situación 2’ del incendio forestal en Arbo (Pontevedra)

Por otro lado un incendio en Carballeda de Avia calcina 20 hectáreas, mientras los de …