«As Pontes Ecuestre» conta con máis de 100 saídas a pista e participación de 120 deportistas

A competición arrinca este sábado 7 de xuño ás 11:00 horas na contorna do Lago O certame está organizado polo Club Hípico Prado Ventura coa colaboración do Concello das Pontes e da Federación Galega de Hípica e o apoio da Deputación de A Coruña.

A III edición de “As Pontes Ecuestre” reunirá a máis de 200 xinetes e amazonas este sábado 7 de xuño na contorna do Lago. O espectáculo está servido con preto de 100 saídas a pista previstas no Concurso de Saltos Territorial, e a participación duns 120 deportistas na proba do Campionato Galego de Andadura -a cifra podería aumentar, xa que se admiten as inscricións a pé de pista o mesmo sábado-.

O certame, organizado polo Club Hípico Prado Ventura, volverá este ano contar coa colaboración do Concello das Pontes e da Federación Hípica Galega, e suma o apoio da Deputación da Coruña. Precisamente, a institucional provincial patrocinará a gran novidade da cita: a I Liga Ferrol-Eume-Ortegal.

Deste xeito, As Pontes converterase nunha das tres sedes da competición, e os xinetes e amazonas do club local, así como os de Equo Alalma (Ferrol) e da Granxa do Souto (Ortigueira) acumularán puntos nas súas participacións para o ránking da liga, que arrincaba no mes de maio en Ferrol. A técnica deportiva de Prado Ventura, Noa García, avanzaba tamén novidades no timming.

Este ano, a intención é ir alternando as probas do Concurso de Saltos e o Campionato Galego de Andadura, en lugar de celebralas ao mesmo tempo. Deste xeito, o público poderá seguir as dúas competicións sen necesidade de elixir entre unha e outra.

Así as cousas, o certame arrincará ás 9:00 horas coa recepción de xinetes e amazonas, procedentes especialmente das provincias da Coruña e de Lugo, e prevese que a competición se inicie sobre as 11:00 horas. A partir de entón, sen descanso ao mediodía e ata as 19:00 horas, cando está prevista a entrega de trofeos coa asistencia do alcalde das Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Por último, Noa García lembraba que os máis pequenos da casa poderán participar en bautismos hípicos de balde durante toda a xornada. Celebraranse nos descansos das probas do Concurso de Saltos, e estarán guiados por técnicas do centro ecuestre local. E xunto ao Concello das Pontes animaba á cidadanía a achegarse este sábado ao Lago para desfrutar da competición nun espazo realmente espectacular.

Lea también

El Valdetires Ferrol cierra este 2025 este sábado en Esteiro ante Ourense Ontime “B”

Última función de este 2025 para el Valdetires Ferrol y lo hará este sábado en …