O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do tenente alcalde de Ferrol, Javier Díaz, o concelleiro Ángel Mato, a vicepresidenta da Asociación de Veciños de A Cabana, Ana Vargas, e os técnicos do departamento provincial de estradas visitou os traballos da terceira e última fase das obras de ampliación e mellora da seguridade viaria na estrada DP-3612 de Aneiros a Cabana, iniciadas hai uns días, pero que presentan xa importantes avances no primeiro tramo do vial.
As obras supoñen un investimento de 654.375 euros, aos que hai que sumar os 135.036 euros destinados ás expropiacións dos terreos necesarios para a ampliación do vial, xa completadas.
Segundo explicou Formoso, as obras darán continuidade ás realizadas en Serantes, onde a primeira e a segunda fase das obras supuxeron a ampliación da estrada e a construción de beirarrúas, “cumprindo unha antiga demanda da veciñanza e do Concello de Ferrol que tiña toda a lóxica do mundo desde o punto de vista da seguridade viaria. Fomos avanzando desde Serantes ata este último tramo que vai a permitir circular con seguridade nunha zona con moito tránsito e onde se poñía en risco as vidas dos viandantes”
As tres fases do proxecto suman un investimento total de 1,6 millóns de euros, segundo indicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que destacou que co inicio das obras desta última fase, o goberno provincial cumpre o compromiso adquirido coa veciñanza de completar a obra, creando unha travesía accesible e segura para os peóns ao longo de case 1,7 quilómetros nunha zona onde existen numerosas vivendas pero que carecía dun andén seguro para poder circular a pé.
Nesta derradeira fase, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 1+180, coincidindo coa intersección coa estrada a Valón, e PQ 1+640, á altura do local social de A Cabana, e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que ofrecerán seguridade peonil nun vial que rexistra un intenso tráfico e casas moi preto da estrada. “Agradecemos aos veciños e veciñas que sofren as expropiacións, pero que tamén van ser beneficiarios dunha acción que mellora a súa seguridade, a súa calidade de vida e incluso o valor das súas propiedades”.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Asociación de Veciños de A Cabana, Ana Vargas, agradeceu á Deputación a execución dunha obra “que levamos vinte anos demandando. Estamos encantados da vida. É un proxecto moi demandado e necesario, e xa crin que non o ía ver, pero agora si que empezo a ter ilusión de velo listo e arreglado”, afirmou.
Finalmente, o tenente de alcalde de Ferrol, Javier Díaz, destacou a importancia de “facer realidade un novo proxecto na zona rural”. “Estamos ledos de ver que se fai realidade unha obra moi importante”, afirmou Díaz, que incidiu na importancia do traballo conxunto das administracións.
Segundo explicaron os técnicos do departamento de Vías e Obras, o proxecto inclúe tamén a renovación dos servizos afectados, como a rede de saneamento e abastecemento de auga e a instalación de nova iluminación con luminarias LED, máis eficientes e con menor consumo eléctrico que as actuais lámpadas de vapor de sodio.
O prazo de execución dos traballos é de cinco meses.
Visita a ASFEDRO
Tras a visita ás obras da travesía Aneiros-A Cabana, Valentín González Formoso, visitou a comunidade terapéutica “O Confurco” para supervisar o avance das obras de mellora que financia a institución provincial cunha achega de preto de 300.000 euros. Durante a visita estivo acompañado pola deputada de Política Social, Mar García Vidal, a presidenta da Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), Rosario Alabau, a xerente, Olaia Salorio e membros do equipo directivo da entidade.
As obras, que se atopan xa en marcha na parte baixa do inmoble, permitirán modernizar unhas instalacións obsoletas, mellorar a accesibilidade do edificio e aumentar o número de prazas da comunidade terapéutica, que pasará de 22 a 25. “O compromiso da Deputación coa saúde e o benestar das persoas é firme, e neste caso, especialmente co traballo que realiza ASFEDRO dende hai máis de corenta anos para dar unha segunda oportunidade a quen máis o precisa”, destacou Formoso.
O presidente lembrou que esta actuación dá continuidade ao apoio prestado en anos anteriores, como a renovación da cuberta do inmoble, e subliñou que “é fundamental garantir que este tipo de centros poidan ofrecer un servizo de calidade en condicións dignas e seguras”.
Pola súa banda, Rosario Alabau agradeceu a visita do presidente e o respaldo da Deputación a un proxecto “fundamental para o futuro da nosa entidade e para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias”. Alabau explicou que a reforma permitirá pasar de habitacións compartidas por catro persoas a cuartos dobres e individuais con aseo, ademais de dotar ao centro dun ximnasio, novos espazos para obradoiros, despachos e un elevador.
A comunidade terapéutica ‘O Confurco’, situada na parroquia de Doniños, é unha das dúas únicas da provincia da Coruña e unha das tres existentes en Galicia. Acolle persoas en tratamento de deshabituación en réxime residencial procedentes de Ferrolterra, Eume e Ortegal, cunha media anual de 63 usuarios.