Formoso demanda “ambición” no proxecto para “que Ferrol teña un tren do século XXI”

O presidente da Deputación fixo fincapé en “apostar por un proxecto ambicioso, non poñer parches nin remendos” para que Ferrol “teña as mesmas prestacións ferroviarias que as demais cidades da provincia”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lanzou unha firme chamada á acción para mellorar a conexión ferroviaria de Ferrol, esixindo “ambición para facer que Ferrol teña un tren do século XXI”. Así o manifestou en declaracións aos medios de comunicación, nas que expresou a súa preocupación polo atraso histórico que sofre a cidade neste ámbito. “Ferrol está maltratada a nivel ferroviario dende hai un século. É inadmisible que a vía non se tocase apenas nos últimos cen anos”, afirmou con rotundidade.

Formoso lembrou que esta situación de abandono non é un problema de agora, senón que “vén dos distintos gobernos“ e destacou a necesidade urxente de acometer unha reforma profunda da infraestrutura ferroviaria que serve á cidade, apostando por “unha infraestrutura competitiva, tanto para pasaxeiros como para mercadorías, que coloque á cidade á altura das outras”. Neste sentido, rexeitou solucións parciais ou insuficientes, incidindo na importancia dunha visión a longo prazo e “ser ambiciosos para poder acurtar os tempos da viaxe, non poñer parches nin remendos. O que precisamos é un proxecto que faga competitivo ao tren en Ferrol ”.

O presidente provincial puxo en dúbida a utilidade de proxectos de mellora que apenas logren unha redución simbólica nos tempos de viaxe, advertindo que “un planeamento que reduza apenas 15 minutos o tempo de conexión coa Coruña non vai marcar a suficiente diferencia nin transformar a realidade ferroviaria de Ferrol”. Ao seu xuízo, o que se precisa é unha actuación integral, aínda que se teña que executar por fases, cun proxecto serio, ben financiado e con vontade política real.

Neste contexto, Formoso reclamou compromisos concretos: “hai que apostar pola liña ferroviaria de Ferrol con orzamentos enriba da mesa e sendo transparentes”. Tamén fixo fincapé na importancia de que sexan os técnicos especializados os que determinen a mellor solución técnica. “En calquera caso, a electrificación da vía é o paso que nos vai facer máis competitivos e está sen facer. É o que fai que o Alvia non chegue xa a Ferrol, por exemplo”.

Finalmente, insistiu en que Ferrol non pode seguir en inferioridade de condicións en comparación co resto das urbes galegas: “O que queremos é que Ferrol teña as mesmas prestacións e calidade neste eido que o resto das cidades da provincia e de Galicia”, afirmou.

Lea también

Galicia espera temperaturas altas hasta el sábado, ante las que la Xunta recomienda beber más liquido y evitar el sol

Las temperaturas irán en ascenso, siendo los días más calurosos el jueves 29 y el …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *