A Casa da Cultura de San Sadurniño acolle este xoves o segundo encontro de traballo desta iniciativa de desenvolvemento financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o reto Demográfico.
San Sadurniño é, xunto con Cedeira e Moeche, un dos concellos onde se está desenvolvendo o proxecto «Comunidades de Innovación Rural» que promove a consultora Implicatum co financiamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o reto Demográfico.
Esta iniciativa busca promover o emprendemento, a innovación e as sostenibilidade no rural, por medio de ferramentas participativas como a análise colectiva da realidade, a formulación creativa -e tamén colectiva- de ideas para solventar distintos problemas e a colaboración entre persoas para sacar adiante novos proxectos. E todo no marco dun proceso de dinamización, formación e acompañamento totalmente gratuíto facilitado polo persoal especializado de Implicatum.
Trala presentación de hai unhas semanas agora o proxecto dá un paso máis poñendo o foco sobre o traballo da Fusquenlla, a Asociación Brío e o grupo de facilitadoras e aliados contra o maltrato O Lavadoiro, por tratarse de tres experiencias que, en principio, poderían tirar moito partido desta aprendizaxe. Neste sentido, o seguinte encontro de traballo convocouse para este xoves 29 de maio ás 09:30 horas na Casa da Cultura e aínda que as actividades van dirixirse a estas entidades, no obradoiro poderá participar calquera entidade, persoa autónoma, pequena empresa ou particular do municipio que queira converterse en axente de cambio do rural.
Tal e como comenta a concelleira de Participación e Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, o encontro de presentación das Comunidades de Innovación Rural celebrado a principios deste mes «serviunos para decatarnos de que a mellora do rural como espazo de vida depende principalmente da nosa iniciativa individual, de sermos capaces de detectar o potencial propio e o de todo o que nos rodea e, a partir de aí, traballar conxuntamente, tecendo rede, para mellorar o desenvolvemento socioeconómico do territorio. Iso si, sempre tendo como guía a sostenibilidade social e ambiental».
A concelleira engade que a primeira sesión con Implicatum «foi moi dinámica e, sobre todo, reveladora no enfoque. En vez de lanzar as actividades así en xeral, decatámonos de que este proxecto podería ser de grande utilidade epara iniciativas que xa están en marcha, como son A Fusquenlla, o proxecto O Lavadoiro ou o traballo que está facendo a Asociación Cultural Brío. Por iso convidamos estes colectivos a participar no segundo encontro, aínda que as actividades seguen abertas á participación de particulares, colectivos, persoas autónomas e pequenas empresas que queiran unirse».
Desde o Concello menciónase que o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla «é un exemplo paradigmático», no sentido de que se trata dun proxecto concibido desde os seus inicios como espazo de dinamización e innovación «autoxestionado polas persoas usuarias en colaboración cos concellos promotores». Segundo o edil responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, «os obradoiros de Implicatum poden ser de grande utilidade para que as produtoras e produtores se coordinen mellor no día a día do centro de transformación, ou para crear sinerxias entre elas e eles para poñer en marcha novos proxectos«.
Por outra banda, o grupo de intervención ante o maltrato O Lavadoiro -promovido pola Deputación en colaboración cos concellos de San Sadurniño e Moeche- tamén pode sacar partido do apoio ofrecido pola consultora nesta iniciativa piloto, «mellorando as súas habilidades sociais, que son fundamentais para a detección de casos de violencia machista e, sobre todo, para o acompañamento das vítimas», apunta Raquel Piñeiro López.
No caso da Asociación Cultural Brío -«unha das máis activas do municipio promovendo a creatividade e o apego da infancia ao territorio», precisa Piñeiro López- a participación no proxecto «pode darlles algunhas claves para preparar novas propostas coas familias. Ademais, as dinámicas que se poñen en práctica nas sesións conducidas por Implicatum tamén pode aproveitalas a entidade para cumprir os seus obxectivos».
O proxecto desenvolverase ata decembro
O proxecto “Comunidades de Innovación Rural” busca impulsar a economía e mellorar a calidade de vida no rural a través da innovación, a colaboración e a creación de redes entre persoas e entidades. A iniciativa desenvolverase ata decembro de 2025 e está dirixida a persoas emprendedoras, empresas, persoas en procura de emprego, así como entidades públicas e privadas.
A proposta promovida pola consultora Implicatum estrutúrase arredor de catro iniciativas principais para dinamizar o emprendemento rural. Unha é o “Centro de Oportunidades”, que realizará un estudo do territorio para identificar sectores clave e recursos dispoñibles, ao tempo que porá en marcha unha plataforma web cun banco de oportunidades e unha biblioteca virtual. Paralelamente, o “Campus Rural” ofrecerá formación en emprendemento e competitividade empresarial a unhas 24 persoas, cun enfoque de paridade de xénero, e prestará apoio individualizado a cinco proxectos. As sesións formativas, de 40 horas, desenvolveranse entre xuño e novembro.
O programa tamén inclúe os “Rural Labs”, dous laboratorios de innovación aberta que empregarán metodoloxías como o design thinking para deseñar solucións centradas nas persoas usuarias. Por último, prevese crear unha “Comunidade Rural Dixital” que funcionará como espazo virtual de colaboración entre axentes locais e organizará dúas xornadas presenciais: unha para compartir experiencias e outra para presentar os resultados do proxecto.
O proxecto de «Comunidades Rurais Dixitais» pódese contactar con Implicatum no teléfono 664 647 540 no correo info@implicatum.com ou enviándolles unha mensaxe a través deste formulario.