A deputada provincial de Cultura visita Fene para avanzar na colaboración co tecido asociativo local

Natividade González mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, para analizar vías de apoio ás entidades culturais municipais. A deputada comprometeuse a celebrar unha xornada informativa con entidades locais tras o verán, para dar a coñecer as liñas de axuda e facilitar o acceso aos programas culturais provinciais.

A deputada provincial de Cultura, Natividade González, visitou o Concello de Fene, onde mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa, Sandra Permuy; o concelleiro de Cultura, Justo Ardá; e a tamén deputada provincial de Plans, Cristina García. O encontro tivo como principal obxectivo explorar novas vías de colaboración para que as entidades culturais municipais poidan aproveitar ao máximo os recursos e programas provinciais.

Durante a reunión, analizáronse as diferentes convocatorias culturais da Deputación e as dificultades que, nalgúns casos, atopas as entidades á hora de acceder ás axudas. En resposta, a deputada comprometeuse a promover, tras o verán, unha xornada informativa aberta ás asociacións culturais de Fene, que servirá para dar a coñecer en detalle as liñas de axuda existentes, resolver dúbida sobre os procedementos de solicitude e facilitar ferramentas prácticas para mellorar o acceso a estas convocatorias.

Unha aposta pola cultura de proximidade

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, agradeceu a disposición da deputada e sinalou que “este tipo de encontros son moi necesarios para que os recursos públicos cheguen a quen realmente os necesita: as asociacións que manteñen viva a cultura nas parroquias”. Tamén valorou moi positivamente “a posibilidade de contar con programación cultural da Deputación directamente nas entidades, sen custe para estas, o que permite achegar propostas de calidade a todos os públicos e territorios”.

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, subliñou “o enorme valor do tecido asociativo de Fene, que dinamiza a vida cultural durante todo o ano” e insistiu na necesidade de “seguir tecendo redes de colaboración entre institucións e entidades para garantir unha oferta cultural ampla, diversa e accesible”.

A xornada prevista para despois do verán contará coa presenza de persoal técnico da Deputación que explicará en detalle os requisitos e contidos das distintas liñas culturais, así como coa participación das entidades locais. A iniciativa insírese na vontade compartida de seguir reforzando o vínculo entre a administración provincial e os concellos, facilitando a circulación da cultura por todo o territorio.

Lea también

La Cofradía de Pescadores de Barallobre participará por primera vez en la Feria Auténtica Sevilla 2025

La Cofradía de Pescadores de Barallobre anuncia su participación, por primera vez, en la Feria …