A III edición de “As Pontes Ecuestre” regresa á contorna do Lago

O Club Hípico Prado Ventura, organizador do certame co apoio do Concello, da Deputación da Coruña e da Federación Hípica Galega, acolleu a presentación. Celebrarase durante toda a xornada do sábado 7 de xuño na contorna do Lago. A localidade converterase en sede da I Liga Ferrol-Eume-Ortegal, unha das principais novidades da edición 2025 co respaldo da Deputación da Coruña.

O Club Hípico Prado Ventura convertíase no escenario perfecto para a presentación da III edición de “As Pontes Ecuestre”, que regresa á localidade o vindeiro sábado 7 de xuño.

Participaron no acto o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a concelleira de Deportes e Turismo, Elena López Seco; a presidenta do club organizador, Natividad González Laso, e máis a técnica deportiva Noa García, así como o director do certame, Federico Pérez Lago.

Durante a presentación da proba, o alcalde sinalaba a importancia da variedade de propostas e ofertas deportivas do concello, con “53 disciplinas deportivas con máis de 1000 fichas federativas nun concello de menos de 10000 habitantes. No caso concreto desta proba deportiva contamos cun escenario espectacular, e estamos moi agradecidos á organización de que queira contar co Concello das Pontes, axudándonos por unha banda a satisfacer os desexos desa poboación da nosa vila que tanta relación ten historicamente co mundo do cabalo; e por outra banda tamén pon en valor un espazo como é o lago das Pontes, que segue amosando a súa versatilidade para acoller, ademais do turismo, todo tipo de probas e actividades deportivas e de ocio”.

Fuente Concello As Pontes foto arquivo

O certame, que volverá celebrarse na contorna do Lago, incluirá o Concurso de Saltos Territorial, de carácter autonómico, e unha das probas do Campionato Galego de Andadura. Segundo avanzaba González Laso, a organización pon nesta edición o foco sobre estas dúas competicións, que se irán alternando na pista central para darlles todo o protagonismo. As inscricións, gratuítas, están abertas ata este venres 30 de maio, e a partir de entón, elaborarase o calendario definitivo. No caso do concurso de saltos, haberá catro probas sobre alturas de 0,30, 0,50, 0,80 e 1,00 m.

A estas sumarase a proba de andadura, cunha gran tradición na zona. Ao respecto, Noa García avanzaba un bo ritmo nas inscricións que invitan ao optimismo, igualando e mesmo superando os rexistros do pasado ano, cando tomaron concurso preto de 200 xinetes e amazonas.

Fuente Concello As Pontes foto arquivo

“As Pontes Ecuestre” súmase ademais a Ferrol e Ortigueira como sede da I Liga Ferrol-Eume-Ortegal, competición entre clubs e gran novidade da presente edición. Unha liga que nace con vocación de expandirse a toda a provincia, ampliando emprazamentos e co respaldo da Deputación de A Coruña.

Por outra banda, “As Pontes Ecuestre” volverá apostar polos bautismos hípicos. Unha maneira de achegar este deporte aos máis pequenos e pequenas da casa para o que se habilitará un percorrido onde poderán montar coa axuda do equipo de Prado Ventura. A participación será de balde, con inscricións na mesma xornada do evento.

No acto Federico Pérez Lago subliñou a gran tradición e afección polo mundo do cabalo nas Pontes, e as fantásticas condicións do lago para o certame, pola súa amplitude de espazos, a natureza do terreo e as condicións da zona, perfectas para a loxística.

A presidenta de Prado Ventura tamén quixo agradecer a man tendida do Concello das Pontes, que permite desenvolver e mellorar o certame ano tras ano, ademais da colaboración da Federación Hípica Galega e, neste 2025, da Deputación. Unha suma de vontades que avanzan nunha mesma dirección: converter As Pontes en referente hípico na Comunidade.

Lea también

As Pontes repartirá 220.000€ en subvencións entre as entidades culturais do municipio

Estas achegas, destinadas a entidades culturais privadas, sen ánimo de lucro, inscritas no rexistro de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *