Os concellos do Camiño do Bispo coordinan a sinalización deste trazado histórico

Os nove municipios promotores da posta en valor do Camiño do Bispo acordaron en San Sadurniño establecer no mapa os puntos para a sinalización do antigo trazado que discorre desde Mondoñedo até Neda, recordando a viaxe que fixera o prelado Luis Tello de Olivares no século XVII para coñecer a súa diocese.

Neste sentido, o traballo inmediato dos concellos centrarase na localización dos fitos que marcarán inequivocamente o percorrido, ademais dos paneis informativos que aludan ao patrimonio enfiado por este camiño histórico. Unha vez concretadas estes actuacións, a intención é recabar financiamento doutras Administracións para levalas a cabo.

No proxecto de posta en valor do Camiño do Bispo están implicados os concellos de Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Xermade, Muras, As Pontes, As Somozas, San Sadurniño e Neda. Todos eles teñen claro o trazado da ruta que, segundo a documentación histórica e con pequenas modificacións, ben podería ter feito hai 400 anos monseñor Luis Tello de Olivares na súa visita xeral á diocese mindoniense, da que foi bispo entre 1668 e 1671.

O camiño vén desde Mondoñedo e cruza a Terra Chá para logo seguir por Muras, Xermade e As Pontes ata entrar en San Sadurniño tras pasar polas Somozas. No noso concello o percorrido histórico -que coincide co coñecido tradicionalmente co Camiño Real- empeza en Igrexafeita, baixa pola beira do Castro até Naraío e despois sobe polo Gandarón até San Pedro de Anca, onde colle rumbo cara ao Roxal.

En terras nedenses o Camiño do Bispo segue o cauce do Belelle até a súa desembocadura, ao pé da igrexa de San Nicolás, onde enlaza co Camiño Inglés a Compostela, ademais de cadrar tamén cun dos puntos de arranque do Camiño de Santo André de Teixido.

O itinerario está claro sobre o mapa, pero agora é necesario facelo visible no territorio por medio de indicadores que permitan seguilo tanto aquí como no resto de concellos polos que pasa. Ademais tamén fai falla deseñar e instalar paneis informativos «que axuden a coñecer este percorrido histórico, así como os ítems patrimoniais que quedan daquela época e polos cales puido ter pasado o bispo Tello de Olivares cando visitou a diocese para elaborar a detallada descrición de todas as súas parroquias», apunta a concelleira de Participación e Axenda 2030, Raquel Piñeiro López.

Tal e como se comentou durante a xuntanza, os concellos pretenden unificar o deseño de todos eses elementos e definir aqueles recursos patrimoniais vinculados ao camiño «que formarán parte do relato histórico a partir do cal queremos construír unha experiencia que se poida vivir enfiando todos estes territorios do norte de Lugo e A Coruña», engade Piñeiro López. «De momento estamos na fase de identificar e documentar eses recursos para despois reunilos, ordenalos e darlle forma. Despois teremos que dotalos dunha liña gráfica e trasladala aos soportes necesarios, como son indicadores ou paneis informativos, nos que se empregarán códigos QR ou outras fórmulas que aproveiten as posibilidades das comunicacións móbiles».

Segundo comentou pola súa banda o alcalde, Secundino García Casal, na xuntanza celebrada na Casa do Concello tamén se puxeron en común posibles vías de financiamento. «Unha vez o teñamos todo, haberá que orzamentar o seu custe e buscar un modo áxil de financiar os investimentos necesarios, nos que poderían implicarse, por exemplo, as deputacións da Coruña e Lugo ou a Xunta de Galicia. É algo que temos que ir mirando, aínda que non sexa o máis inmediato, facendo valer que o Camiño do Bispo é un itinerario promovido por concellos de distintas sensibilidades políticas. Desde a incorporación de Vilalba e As Somozas, os nove municipios estamos tirando do carro neste proxecto relacionado co coñecemento e o turismo, que tamén pode ser a base doutras vías de colaboración en temas de interese común», conclúe o alcalde.

Lea también

O Parrulo Ferrol se lleva el primer punto de las semifinales de los playoffs

O Parrulo Ferrol da el primer paso para seguir soñando, tras imponerse por 2-1 al …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *