Un shakedown pola parroquia de San Xiao e a cerimonia de saída abren este venres 23 a programación do 37 Rally Cidade de Narón.
A cerimonia de saída do 37 Rally Cidade de Narón marca o inicio da programación desta edición da competición, organizada polo Concello de Narón e a Escudería Siroco Narón en colaboración con outros concellos e administracións supramunicipais.
Ás 20:30 horas está prevista a saída do pódium das inmediacións do Centro Comercial Odeón, que realizará un percorrido pola rúa Ares, a estrada da Gándara, a rúa Rafael Bárez, a estrada de Castela, ata a rotonda de Freixeiro (realizarase unha parada para realizar unha fotografía de todos os participantes) e seguirá a ruta ata o xulgado, para dar a volta na praza de Xuvia e regresar a Odeón pola estrada de Castela, a rúa Rafael Bárez, e a estrada da Gándara.
A realización deste percorrido levará implícito o corte da estrada de Castela, dende as 20:30 ás 21:30 horas, polo tramo polo que discurrirá, estando debidamente indicado e sinalizado. Previamente, de 16:00 a 17:30 horas os participantes no rally realizarán un shakedown por viais da parroquia de San Xiao, por un tramo de preto de tres quilómetros nos que poderán axustar os seus vehículos de cara á competición do sábado.

O propio día do rally o primeiro piloto, dos 83 inscritos este ano, sairá ás 07:30 horas das inmediacións do Centro Comercial Odeón cara ao primeiro dos tramos. Haberá en total cinco: As Cortiñas, As Enchousas, Santa Cristina, As Barcelas e Sedes, un total de de 418 quilómetros dos que 119,78 serán cronometrados e que discurren polos concellos de Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas e Valdoviño.
A cerimonia de entrega de trofeos está prevista para o sábado as 21:30 horas nas inmediacións do Centro Comercial Odeón.