O Xeoparque Cabo Ortegal está de aniversario. Cúmprense dous anos desde o recoñecemento oficial como Xeoparque Mundial da UNESCO, un fito que converteu este territorio no segundo Xeoparque galego e no único da Península Ibérica en acadar esta distinción no ano 2023.
Para celebralo, e coincidindo coa IX Semana dos Xeoparques Europeos, a Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal presenta unha ampla programación de actividades gratuítas que se celebrarán entre o 24 de maio e o 1 de xuño.
Durante nove días, o territorio dos sete concellos que integran o Xeoparque —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño— converterase nun espazo para a divulgación científica, a conexión coa natureza e a posta en valor do seu excepcional patrimonio xeolóxico.
Rutas, visitas guiadas e experiencias para todos os públicos
O programa da IX Semana dos Xeoparques Europeos inclúe propostas para todo tipo de público. Entre as actividades destacadas atópanse rutas en barco pola costa e os cantís, con itinerarios que permiten descubrir a reserva mariña, a Vixía de Herbeira ou o Cabo Ortegal desde o mar. Tamén haberá numerosas rutas de sendeirismo interpretativo polos lugares máis emblemáticos do Xeoparque: o “rastro do lobo”, Pico Vela, Coto da Miranda, Altos de San Andrés, A Fraga dos Casás, os Cantís de Loiba, entre outros.
As persoas máis aventureiras poderán participar na vía ferrata Senda do Santo, unha experiencia que inclúe pontes colgantes, un tramo K4 e unha tirolina de 45 metros. Tamén se organizan rutas a cabalo por espazos de gran beleza como o Paseo do Río Mera ou o camiño real da Cal da Loba.
As visitas guiadas achegarán ao público a lugares emblemáticos como San Andrés de Teixido, o centro urbano e costa de Cedeira ou o Museo Océano Surf de Valdoviño.
Actividades infantís e ciencia para aprender en familia
A programación inclúe unha sección especial para público infantil, con propostas como os obradoiros e actividades no Museo Mares de Cedeira (aventura mariña, manualidades, slime temático…), os Xeobradoiros sobre as areas e minerais do Xeoparque ou a actividade «Pequeexploradores» un roteiro didáctico con taller de pegadas para facer en familia
Tamén haberá espazo para a divulgación científica. O comité científico do Xeoparque ofrecerá dúas charlas online en directo:
Luns 26 de maio ás 12:00 h: José Ignacio Gil, xeólogo da Universidade do País Vasco.
Xoves 30 de maio ás 12:00 h: Luis Somoza, xeólogo mariño do IGME-CSIC.
Inscricións a través da web
Todas as actividades son gratuítas e con prazas limitadas, polo que será preciso realizar inscrición previa a través da web oficial: https://xeoparquecaboortegal.gal. Desde a Asociación lémbrase a necesidade de atender aos consellos de cada unha das actividades, especialmente no que ten a ver coa roupa e calzado axeitados, ou á necesidade de levar auga, algo para picar, gorra e protección solar. Colaboración da Deputación da Coruña
Esta programación é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, que apoia este proxecto desde os seus inicios. A Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal —formada polos sete concellos que integran o territorio— liderou un proceso de candidatura que se iniciou en 2018 e culminou con éxito en 2023, despois dunha exhaustiva avaliación internacional da UNESCO.
O Xeoparque Cabo Ortegal consolídase así como un referente de divulgación, conservación e desenvolvemento sostible, celebrando o seu aniversario cunha proposta aberta a toda a cidadanía.