Moeche celebra o 8 de xuño a VII Feira do Gando Vacún con novas propostas

A VII Feira do Gando Vacún  en Moeche terá, desde este  ano, data fixa no calendario, o segundo domingo do mes de xuño. Xunto con esta novidade, outorgaranse premios para os gandeiros participantes e incluirá de novo o concurso de fotografía, aberto a toda a cidadanía.

Moeche celebra a VII Feira do Gando Vacún, que terá lugar o próximo 8 de xuño, segundo domingo do mes, cumprindo así cunha das novidades desta edición: a elección desta data como xornada fixa para este evento anual, un dos máis destacados do calendario local. A Feira do Gando Vacún é un dos encontros anuais que desde hai uns anos se celebran  o recinto feiral de Moeche co fin de dinamizar ese espazo e darlle cabida aos diferentes sectores do municipio.

Tras non poder celebrarse o pasado ano debido á epidemia epizoótica, a feira regresa en 2025 con enerxías renovadas e novas propostas. A cita, organizada desde a primeira edición coa colaboración cos gandeiros de Moeche e da contorna, servirá como punto de encontro para profesionais do sector, veciños e visitantes, con actividades pensadas para todos os públicos e para poñer en valor a vida e o traballo dun sector tan importante como o gandeiro, e, sobre todo, como punto de  exhibición, venda e compra de gado.

Entre as novidades máis destacadas desta edición atópase a incorporación de premios económicos para os gandeiros participantes. Por unha banda, recoñecerase a participación das tres manadas máis numerosas con premios de 150€, 100€ e 50€, respectivamente. Doutra banda, o público asistente tamén terá un papel protagonista á hora de elixir á mellor vaca da feira. Para iso, habilitarase unha urna no recinto feiral na que os visitantes poderán depositar o seu voto indicando o número de crotal da súa vaca preferida. A vaca que reciba máis apoios será distinguida cun premio de 100€.

V Concurso de Fotografía da Feira do Gando Vacún

Xunto ao compoñente gandeiro, a VII Feira do Gando Vacún incluirá de novo o concurso de fotografía aberto a toda a cidadanía, co obxectivo de reflectir a riqueza visual e humana do mundo rural. As fotografías, que han de ser inéditas, poden enviarse ata o 3 de xuño ao correo correo@moeche.gal. No correo farase constar o título da imaxe e o nome da autora ou autor.

A convocatoria divídese en tres categorías: Foto dunha gandería, Foto da vida no rural e Foto da infancia no rural. As obras presentadas estarán expostas na Nave do Mercado durante a feira, onde poderán ser contempladas polo público e valoradas por un xurado composto por persoas do ámbito veterinario, do tecido social de Moeche e do Consello Local da Infancia. Este tribunal outorgará un único premio por categoría, mentres que o público tamén poderá expresar a súa opinión a través dunha urna situada xunto á exposición e mediante a interacción coas imaxes na galería de Facebook do Concello de Moeche, onde o “gústame” tamén contará como voto.

Bases do V Concurso de Fotografía da Feira do Gando Vacún

Lea también

El trofeo del Mundial femenino conquistado por España en 2023 se exhibe en Ferrol dentro de la iniciativa ‘Elas Xogan’

La plaza de la Constitución de Ferrol acoge este viernes una de las actividades de …