83 pilotos participan no “37 Rally Cidade de Narón”

A cidade de Narón acolle este sábado 24 a trixésimo sétima edición do Rally Cidade de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento xunto cos edís de Deportes, Ibán Santalla e Seguridade Cidadá, José Oreona.

Asimesto contou ca presencia de o presidente da Escudería Siroco Narón, Antonio Sueiras, o coordinador xeral do evento, Moncho Padín e o responsable de seguridade e base Ramiro Fandiño; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o deputado de Deportes, Antonio Leira; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Troitiño; o vicepresidente da Real Federación Española de Automovilismo, José Vicente Medina; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o alcalde de Cerdido, Alberto Rey; o concelleiro de Deportes de Valdoviño, Sergio Saavedra; a concelleira de Denvolvemento Social de Moeche, Cristina García; a xerente do Centro Comercial Odeón, Cristina Imaz; e os xefes do destacamento de Tráfico de Ferrol e da Garda Civil de Ferrol, Eume e Ortegal, Francisco Javier López Dopico e Francisco Javier Fernández González, respectivamente e o sarxento Diego Arrojo.

Na praza de Galicia, onde se presentou o rally, estiveron tamén os pilotos Jorge Cagiao, gañador da anterior edición, co Alpine A110 GT+; Javier Bouza, co Ford Escort MKII, Diego Varela, co Hyundai i20N Rallye2 e Máximo Pita, co seu Seat Marbella.

O coordinador do rally, Moncho Padín, agradeceu o labor da directiva do Siroco Narón polo seu traballo para sacar adiante esta proba e aos máis de 300 voluntarios que colaborarán o venres e o sábado co evento. Así mesmo, destacou o labor de persoal de Seguridade, Policía Local, Garda Civil pola súa implicación e a patrocinadores e administracións que colaboran. “O feito de que as federacións galega e estatal se puxesen dacordo no tema das licencias fixo que este ano pasásemos dos 58 inscritos do ano pasado aos 83 deste ano, sendo unha facilidade para os participantes e tamén para a organización.”

Na súa intervención, Ramiro Fandiño explicou que “volvemos a facelo con cinco tramos a dobre pasada pero cuns cambios do 60% no percorrido, que esperemos que lle gusten ao persoal”. Os tramos son os de As Cortiñas, As Enchousas, Santa Cristina, As Barcelas e Sedes, un total de de 418 quilómetros dos que 119,78 serán cronometrados e que discurrirán polos concellos de Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas e Valdoviño, que se incorpora este ano, sendo o último do día, o de Sedes, o que podería definir segundo apuntou o rally ao 100%.

O presidente da Federación Galega asegurou que “para nós é un orgullo ter chegado a ese acordo coa Federación Española polo tema das licencias e, sobre todo, que poidan saír beneficiadas as probas do campionato de España, porque para Galicia é moi importante  terprobas de primeiro nivel e xa sería o máximo se puidésemos ter un mundial”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta recalcou que se trata dun campionato “suficientemente consolidado despois de tantos anos e unha das probas deportivas máis importantes deste concello e unha referencia no mundo do automobilismo en Galicia, que está vivindo un momento de auxe”. Así mesmo, na súa intervención o vicepresidente da Real Federación Española de Automobilismo recoñeceu que “para a institución que representa sempre é un pracer vir a Narón a un rally que foi unha sorpresa hai uns anos cando o descubrimos e que cada día nos sorprende máis”.

Medina apuntou as novidades en materia de Seguridade, sobre as que tamén incidiron dende o Siroco. “Nos 30 minutos antes de comezar o primeiro vehículo non se poderá circular pola calzada, de xeito que a caravana de seguridade poida traballar nas mellores condicións, polo que solicito aos afeccionados que cumpran esta norma, que vén para quedarse”. A maiores, avanzou que haberá unha nova APP para que a organización transmita en directo posibles incidencias no evento, as salidas do vehículo 0, como chegar aos tramos, os tempos, etc.

O presidente da Deputación da Coruña Valentín González “é un orgullo facer unha aposta extraordinaria este ano, dando resposta non só á escudería, senón aos miles de afeccionados do motor na comarca, concretamente neste caso dos rallys de asfalto”. Agradeceu tamén o labor do Concello de Narón e comprometeu orespaldo da institución que representa nas vindeiras edicións, tal e como fixo nos últimos 37 anos.

O presidente provincial destacou que “eventos coma o Rallye de Narón proxectan a imaxe da comarca de Ferrolterra como un destino deportivo e turístico de primeiro nivel, ao tempo que supoñen unha importante dinamización económica para o conxunto do territorio”. O presidente puxo en valor o compromiso da Deputación coa promoción do deporte, desde as categorías de base a grandes eventos deportivos que son unha referencia no seu ámbito como o rallye naronés.

Este ano, a institución provincial redobra a súa aposta polo Rallye como unha das probas máis importantes do calendario galego e estatal, cunha achega extraordinaria de 50.000 euros que sitúan á Deputación da Coruña como o principal patrocinador institucional da competición, un xesto de apoio que agradeceron tanto desde a Escudería Siroco como desde a Federación Galega.

Finalmente, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, destacou a aposta realizada para desenvolver este evento, que alcanza a 37 edición, por vez primeira puntuable para o campionato de España, algo posible grazas á implicación das institucións pero sobre todo da Escudería Siroco Narón, e a colaboración dos corpos e forzas de seguridade, dos 300 voluntarios que nesta última edición están colaborando, patrocinadores… “Esta edición vai ter un shakedow e un percorrido que xa o ano pasado tivo moito éxito, pola estrada de Castela, dende Odeón ata a ponte de Xuvia”.

A rexedora local naronesa recordou que na xornada previa ao rally, coma o pasado ano, haberá un percorrido pola zona urbana, dende Odeón ata a estrada de Castela, a partir das 20:30 horas horas e ata as 21:30 horas aproximadamente –período no que o vial permanecerá pechado ao tráfico rodado- para que as persoas que o desexen poidan ver a caravana de vehículos participantes. Tamén o venres pola tarde se celebrará o shakedown pola parroquia de San Xiao, de 16:00 a 17:30 horas, nun tramo de 2,76 quilómetros nos que equipos e pilotos poderán axustar os seus vehículos.

O sábado o primeiro participante sairá ás 07:30 horas do parque de asistencias ubicado na rúa Panadeiros, no polígono industrial de Río do Pozo e sobre as 20:30 horas rematará o rally, reuníndose os vehículos no parque pechado do Centro Comercial Odeón, onde ás 20:45 horas se celebrará o pódium. A ceremonia de entrega de trofeos está prevista para as 21:30 horas, tamén no exterior do Centro Comercial Odeón.

Lea también

Más de 60 inscritos en la XV edición de la Regata de Vela Ligera Ría de Ferrol

La ría de Ferrol acoge este fin de semana, sábado 5 y el domingo 6, …