Formoso reclama un tecido industrial “potente, sólido e solvente” para garantir o futuro económico de Galicia

O presidente da Deputación participou en Santiago na inauguración do Congreso de FICA-UGT Galicia. Formoso puxo de manifesto que Galicia non pode seguir virando a súa economía arredor do sector servizos e do turismo, senón que debe apostar de maneira decidida por incrementar o peso da industria no PIB.

Fuente Diputación de A Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reivindicou na inauguración do Congreso de FICA-UGT Galicia a necesidade urxente de que a comunidade aposte decididamente pola industria como motor económico clave, fronte á tendencia actual de dependencia do sector servizos. “Galicia necesita un tecido industrial potente, sólido e solvente, non só como base da súa economía, senón como garantía de futuro, de innovación, de tecnoloxía e de empregos dignos”, subliñou.

Formoso fixo fincapé en que só a industria é quen de poñer en marcha o conxunto da economía, pois concentra os sectores con mellores retribucións para os traballadores e maior capacidade de xeración de valor engadido. Apostar pola industria -sinalou- é apostar pola estabilidade económica, polos salarios dignos e pola modernización do país.

Advertiu que, mentres outras rexións e países avanzan, Galicia segue ancorada nun modelo desequilibrado, onde o peso da industria no PIB apenas chega ao 16%, “moi lonxe do 20% marcado como obxectivo pola Unión Europea e a anos luz de países como Alemaña ou os Países Baixos”, onde algunhas rexións superan o 30%. “Non se pode seguir fiando todo ao Camiño de Santiago”, advertiu, sinalando que a caída do peso da industria no PIB galego é un risco que compromete o desenvolvemento sostible e a xeración de emprego de calidade.

O presidente lembrou que a crise da pandemia puxo en evidencia os perigos de depender exclusivamente do exterior, especialmente de China, para o abastecemento industrial. “Vimos o que significaba non ter industria propia. Cando máis o precisabamos, a industria non estaba aquí, estaba fóra. E o máis grave é que seguimos igual”, dixo.

Fuente Diputación de A Coruña

Contra o “sindicalismo populista”, coherencia

A mensaxe de Formoso foi tamén unha defensa “coherencia demostrada por UGT durante os seus 137 anos de historia” fronte a actitudes que cualificou de “sindicalismo populista”. Denunciou que certas forzas sindicais rexeitan todas as alternativas enerxéticas ao tempo que reclaman máis emprego industrial. “Non queren enerxías fósiles nin renovables, pero queren que exista industria. Non queren que se incremente o gasto Defensa, pero reclaman carga de traballo para aos estaleiros. É unha incoherencia que está facendo moito dano a Galicia”, afirmou.

Formoso reivindicou que a UGT, “malia os seus defectos, sempre actuou con coherencia e sentido de país”. Defendeu que esta coherencia “debe ser a bandeira sindical que permita avanzar cara a unha Galicia máis moderna e con oportunidades reais para a súa mocidade”.

Pechou o seu discurso cunha chamada á unidade: “Temos que saír deste congreso cun sindicalismo máis forte, cunha federación que traballe para transformar Galicia e construír un futuro no que a industria sexa o motor do benestar colectivo”.

Lea también

Ferrol avanza en los trámites en el proyecto de saneamiento de la zona rural

El proyecto de saneamiento de la zona rural da un paso más y ya se …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *