O Concello de Narón acollerá este mes de agosto, dende o 27 ao 29, unha campaña especial da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). O obxectivo desta convocatoria e acadar a maior participación posible de persoas doantes para contribuír a alcanzar as 27.000 doazóns de sangue que neste período estival precisan os centros sanitarios para axudar ás persoas que precisan recuperar a súa saúde.
Co fin de facilitar esas doazóns, unha das unidades móbiles de ADOS localizarase os tres días anteriormente indicados nas inmediacións do novo centro de saúde da cidade. Nas xornadas do mércores 27 e o xoves 28 poderanse realizar doazóns en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 14:30 e dende as 15:30 ata as 21:00 horas, se ben na xornada do venres 29 se poderá facer pola tarde, de 15:30 a 21:00 horas.
Para doar sangue é preciso almorzar previamente e despois de xantar (non realizar comidas copiosas) esperar dúas horas. Así mesmo, débese acudir ás unidades móbiles coa tarxeta de doazón, DNI ou algún documento simillar e informar ao médico no caso de que se estea tomando algún medicamento.
Dende ADOS recordouse que as persoas que queiran consultar posibles dúbidas sobre a doazón de sangue e a localización das unidades móbiles poden chamar, de balde, ao número de teléfono 900 100 828. Así mesmo, na campaña “Este verán, antes de viaxar, doa sangue”, inciden en que “se tes máis de 18 anos e pesas máis de 50 quilos só precisas de 10 minutos para salvar a vida de moitas persoas”.