A compañía viguesa Manekineko trae este venres, ás 20.30 horas, a peza teatral Cancións amarelas, flores tristes recomendada para maiores de 16 anos de idade, e que se representará no teatro Jofre. Trátase dun drama con tintes cómicos, en galego e dirixido por Nerea Brey con guión de Ernesto Is.
Catro persoas de idades, xéneros, crenzas e realidades socio-económicas moi diferentes coinciden nun karaoke. Ao longo da madrugada, a cancións e o alcohol mestúranse cos medos e cos problemas que os levan a refuxiarse neste lugar, onde constrúen os seus propios paraísos artificiais. Este é o argumento da obra, protagonizada por María Costas, Nacho Castaño, Fran Nogueira e María de las Llanderas.
Ademais, esta proposta cultural ten una particularidade, trátase dun espectáculo inmersivo, que incorpora aos espectadores en escena, ofrecéndolles unha experiencia de proximidade. Parte do público está integrado no propio escenario, distribuído en mesas e cadeiras como se estivese no karaoke onde acontece esta historia.
Música, palabra e movemento combínanse nesta montaxe multidisciplinar, a medio camiño entre o drama e a comedia, para falar das diferentes problemáticas da sociedade actual e de como estas afectan á nosa saúde mental e ás nosas relación interpersoais.
As entradas están xa á venta na billeteira do Jofre e na web de Ataquilla: https://pago.ataquilla.com/#/event/X3AHENXY/session/1T6NQJ6QM