A área de Desenvolvemento Local de San Sadurniño e a Asociación Casa do Mel ofrecen unha nova oportunidade de iniciarse no mundo apícola ou ampliar coñecementos sobre esta actividade. Será a través dun curso que se impartirá na Casa da Xuventude e no colmear didáctico da Cortiña os días 24, 25, 31 de maio e 1 de xuño, cun temario teórico e práctico que abordará desde o coidado e mantemento das colonias de abella até a colleita do mel e doutros produtos da colmea.

Para participar neste curso, que é gratuito, farán falla un mínimo de 10 inscricións. Hai que anotarse enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 616 332 919 en horario de mañá de luns a venres. No mes de setembro, os días 13 e 14, ofrecerase unha actividade complementaria que estará centrada na diversificación dos produtos da colmea.
O curso que se vai desenvolver agora, entre finais de maio e primeiros de xuño, terá unha duración total de 20 horas. O seu obxectivo principal é achegar coñecementos básicos sobre a apicultura a quen queira iniciarse nesta actividade, minimizando os erros que comete habitualmente quen está empezando. Ademais tamén se verán técnicas para obter un bo rendemento das colmeas, sobre todo as de prevención ou tratamento dos seus principais agresores naturais.
Durante o curso trataranse aspectos como a bioloxía das abellas, a instalación máis conveniente do apiario, a flora melífera e os métodos de reprodución e multiplicación dos enxames. En relación coa saúde das colmeas prestaráselle especial atención a ameazas como a Vespa Velutina, a Varroa e a loque, ademais de introducir ás persoas asistentes nos diferentes produtos que xeran as abellas: mel, pole, própole, xelea real e cera. A formación completarase cun manual de boas prácticas apícolas.
Como continuación desta formación, o Concello e a Casa do Mel organizarán unha segunda actividade os días 13 e 14 de setembro, tamén en horario de 9:00 a 14:00 horas, co título “Aproveitamento dos produtos da colmea”. Este curso busca ir máis alá do coñecemento básico e por iso abordará cuestións que lles permitan aos apicultores e apicultoras sacar o máximo partido á súa produción, especialmente nun contexto marcado polo cambio climático, as especies invasoras e a competencia do mercado global.
Co minicurso de setembro preténdese reforzar a viabilidade das explotacións apícolas a través da diversificación. O aproveitamento tradicional estivo centrado case exclusivamente no mel e, ocasionalmente, na cera. Porén, na actualidade resulta fundamental saber como obter e transformar outros produtos coma o pole, a própole ou a xelea real, cuxo valor económico pode contribuír decisivamente á sustentabilidade dunha explotación.
Ao longo das 15 horas de duración do curso, o alumnado aprenderá técnicas de recolección e procesado destes produtos, coñecerá as súas propiedades e posibilidades de comercialización e participará nunha cata de diferentes tipos de mel para afinar o seu criterio de calidade. A sesión tamén prestará atención ás condicións sanitarias e legais para a venda e etiquetado destes produtos.
Tanto o curso de maio -24, 25, 31 e 1 de xuño- como o de setembro -días 13 e 14- son unha oportunidade magnífica para iniciarse no mundo apícola desde unha perspectiva práctica e sostible, ademais de ser un bo punto de partida para a profesionalización da actividade. A inscrición é gratuíta, pero con prazas limitadas, polo que se recomenda anotarse canto antes para garantir a participación. Para iso hai que chamar ao 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.