A situación do CEIP A Gándara, no Concello de Narón, «é nesta altura literalmente de risco grave e inminente».

Nos últimos 12 meses producíronse 3 desprendimentos de cascotes, dous deles en horario en escolar, un xusto na entrada do centro e o último dentro dunha aula, o que significa que os 370 alumnos do centro, persoal docente, familias e persoal de servizos vive a diario unha situación de risco. Ante este novo episodio a «comunidade educativa do centro demanda a realización inmediata das obras comprometidas o ano pasado, mais a Xunta contesta negando a realización das obras no presente ano e sen anunciar unha data certa para a súa realización».
Ao estado das fachadas e aos desprendimentos súmanse as pingueiras continuas no interior do centro, o mal estado do tellado, que é de fibrocemento, igual que o estado das ventás, a necesidade de aumentar o espazo cuberto do patio exterior e de remodelar a pista polideportiva que na actualidade acumula tanta auga que cando chove parece unha piscina.

Este luns a concelleira do BNG de Narón, Bea Mosquera, a responsábel local, Marta Grandal e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, visitaron o centro e reuníronse con unha representación da ANPA. Na visita puideron coñecer o estado de centro e as necesidades máis urxentes, e comprometéronse a trasladar as súas demandas ao Parlamento.
En función do acordado o grupo parlamentar do BNG ven de presentar a seguinte Proposición non de lei:
“O Parlamento de Galiza insta á Xunta a promover unha reunión entre o Conselleiro de educación, a dirección do CEIP da Gándara no Concello de Narón e a súa ANPA, para pactar unha relación de obras e un calendario que priorice as máis urxentes” .