Ferrol homenaxea ás cantareiras e á poesía oral con motivo do Día das Letras Galegas

O acto terá lugar o sábado 17, pola tarde, no local da AVV de Esmelle.

A pandeireteiras de Mens na praza da Quintana (Santiago de Compostela) con Manuel Cajaraville, director da agrupación folclórica Aturuxo da Coruña

A concelleira de Normalización Lingüística, Patricia Cons, presentou este xoves as actividades previstas con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemora o 17 de maio.

Este ano a homenaxe será á poesía popular oral, personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandereteiras de Mens (Malpica).  É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval.

O cartel que publicita o Día das Letras Galegas

Con esta elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, tal e como recolle a Real Academia Galega. “Dende o Concello de Ferrol, sumámonos á homenaxe ás cantareiras e á poesía oral con motivo do Día das Letras Galegas, recoñecemos a importancia da poesía popular oral, que acompaña á nosa sociedade e cultura desde sempre”, apuntou Cons.

Así, está previsto un acto, organizado polo Concello de Ferrol e Agrupación das AVV do Rural, que se levará a cabo a partir das 17.00 horas no local da AVV de Esmelle. No transcurso do mesmo actuarán o grupo de cantareiras Gradaílle do Real Coro Toxos e Froles, o grupo Encrucillada e pechará o Real Coro Toxos e Froles, ademais realizarase unha lectura da vida e obra das homenaxeadas.

O cartel que publicita o Día das Letras Galegas foi realizado este ano polo deseñador gráfico ferrolán, Juanlu Nacha.

MILLADOIRO E ROSA CEDRÓN
Ademais, dende a concellería de Cultura, ao frente da que se atopa José Antonio Ponte Far, están previstos dous concertos no teatro Jofre. O sábado 17 ás 20.30 horas actuará Milladoiro, coa súa xira polo seu 45 aniversario, e o domingo 18 subirase ao escenario Rosa Cedrón a partir das 19.00 horas.

Fot. Galicia Ártabra. Milladoiro en concerto- archivo

Tamén desde Cultura organizan, coa AVV de San Xoán, unha homenaxe ás cantareiras e á poesía oral. O acto celebrarase o sábado 17 a partir das 12 horas na praza de Rosalía de Castro, e se as condicións meteorolóxicas non o permiten, trasladarase ao local social da entidade veciñal.

As actividades previstas son un recital de poetas ferroláns e ferrolás, a actuación do grupo de gaitas de Agarimo e unha intervención sobre as homenaxeadas a cargo da licenciada en Filoloxía Galega, Aurora Valentina Varela.

Lea también

El nuevo vicealmirante Vicente Rubio Bolívar será nombrado Almirante Jefe del Arsenal de Ferrol

El Consejo de Ministros celebrado en la mañana de este martes, día 24 de junio, …