A cuarta edición do DegustAres chegará á vila con sete tapas para probar ao longo dos vindeiros días

Durante as fins de semana do 10, 11, 17 e 18 de maio, a veciñanza poderá desfrutar desta ruta do pincho e decidir quen se alza co galardón á mellor tapa de Ares.

A concelleira de Comercio, Lucia Blanco, co cartel do Degustares 2025.

O DegustAres convidará a degustar as tapas dos 7 establecementos participantes durante dúas fins de semana: os días 10, 11, 17 e 18 de maio, onde se poderán solicitar os pinchos, que partirán dun custe de 1 euro, para valoralos nas follas destinadas a tal uso.

Lucía Blanco enfatizou “que seguir apostando por esta iniciativa é un xeito de dinamizar a nosa gastronomía, incentivar o consumo e mesmo promover unha socialización entre a veciñanza de máis calidade”. A edila de Comercio aproveitou a presentación para estender o seu agradecemento “a todos os locais que finalmente se animaron a participar, pois a súa involucración é chave nestes catro anos, e tamén aos axentes colaboradores”, nos que se inclúen as bodegas de vinos Ismael Arroyo e Valdelana, Abanca, Coca Cola e a empresa local Bodegas y Vinos Ares.

Manterase no evento o mesmo sistema de puntuación que xa se puxo en marcha en edicións previas, de tal xeito que os clientes terán á súa disposición en cada establecemento adherido ao DegustAres 2025 unha folla onde constan as tapas que se ofrecen e os horarios de servizo, de cara a probalos e decidir quen se merece o primeiro posto (15 puntos), o segundo (10 puntos) e o terceiro (5 puntos).

Ademais, as follas de valoración deberán estar seladas obrigatoriamente por todos os locais participantes para que os clientes poidan sumarse ó sorteo dos premios que se atopan dentro do concurso.

2.100 EUROS EN PREMIOS

Tecido hostaleiro e veciñanza poderán contar cos seus respectivos premios dentro do DegustAres 2025. Toda persoa que deposite a folla de valoracións debidamente cuberta entrará no sorteo de 5 vales de 100 cada un–deseñados para investir no comercio aresán—e haberá un sexto vale coa mesma contía que se sorteará especificamente o 30 de maio ás 19:00 horas a quen asista á entrega de premios no salón de actos da Alianza Aresana.

A maiores desta contía destinada aos clientes, incorpóranse 1.500 euros que recibirán os locais que se alcen co primeiro (galardón de 600 euros), segundo (500 euros) e terceiro (400 euros) postos do DegustAres. En total, distribuiranse pola vila 2.100 euros en forma de vales para o consumo de proximidade, aínda que tamén haberá a opción de gañar, en ambas categorías de clientes e establecementos, catro botellas de viño magnum (dúas de Ribera del Duero e dúas de Bodegas Valdelana) grazas ás bodegas asociadas ó roteiro de pinchos.

Os locais participantes son: CIRS de Cervás; Club Tenis de Redes; Casino de Ares; Noaru; Hamburguesería O Lago; Tarrafa; Salitre de Ares.

Lea también

Equiocio Ferrol presenta el cartel de su 35 aniversario, obra de la ilustradora Carola Bouza

Equiocio Ferrol lanzaba este jueves en sus redes sociales la imagen con la que promocionará …