A ASF súmase o día mundial da Hixiene de Máns que se conmemora cada 5 de maio

Unhas mans xigantes tanto no Hospital Arquitecto Marcide como no Naval do Complexo recordaban este transcendental acto.

A concienciación sobre a importancia de evitar a transmisión de xermes conxúgase coa reflexión ecolóxica sobre o emprego máis axeitado das luvas no ámbito sanitario, no Día Mundial da Hixiene de Mans. Unhas mans xigantes recordan nos centros do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que a Área Sanitaria de Ferrol súmase un ano máis a conmemoración este luns 5 de maio.

Realizáronse moi diversas actividades durante esta xornada; e o lema deste ano é: Luvas cando se indique, salva vidas, coida o planeta. A hixiene de mans, sempre. Dende  o citado luns  e durante unha semana, a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, a Dirección de Enfermaría, e a Dirección de Procesos de Soporte, xunto co Servizo de Medicina Preventiva, recordan que “as luvas contamínanse coa mesma facilidade e cando se usan débense quitar despois de tocar ó paciente e lavar as mans inmediatamente. A hixiene de mans, no momento e a forma axeitados, segue a ser unha das medidas máis importantes para protexer a pacientes e persoal sanitario”, engaden.

De xeito paralelo, incidían en que o emprego excesivo de luvas contribúe a un volume de residuos, polo que invitan a empregalas cando realmente sexan necesarias. “Un hospital universitario medio xera unhas 1.634 toneladas de residuos ó ano”, explicaban. A isto engaden, e recordaban esta mañá, que existen cinco momentos clave na hixiene de mans, que profesionais de Enfermaría, tanto dos departamentos de Calidade e Medicina Preventiva, como unha residente de Enfermaría familiar e Comunitaria, amosaban no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, e polas unidades e servizos dos andares de hospitalización. Estes cinco momentos son antes do contacto co paciente, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica; despois do risco de exposición a fluídos orgánicos; despois do contacto co paciente; e despois do contacto co entorno do paciente.

Accións na Área para fomentar a hixiene de mans

Xunto con isto, no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide, estableceron unha mesa informativa sobre a técnica de hixiene de mans, e houbo tamén demostracións con solución marcadora e lámpada de luz negra e reparto de solución alcohólica. Con esa solución e lámpada, puideron dar conta de como é un bo lavado de mans. Estas sanitarias empregaban con quen o desexara este sistema para comprobar posteriormente o lavado de mans o resultado dese lavado, e se foi correcto ou non.

Por que segue a ser tan importante compartir coñecementos sobre a hixiene de mans? Porque axuda a deter a propagación de xermes daniños na atención médica. A asistencia sanitaria e un ámbito no que se poden producir infeccións, e é por iso que a OMS lembra que o lavado de mans é a mellor opción para previr a propagación de xermes, e así combater calquera virus respiratorio e enfermidades gastrointestinais.

Unha de cada cinco infeccións respiratorias e unha de cada tres enfermidades diarreicas pódense previr cun axeitado lavado de mans, por iso é preciso insistir na relevancia de efectuar a hixiene das mans, cunha técnica correcta, nos momentos axeitados. Ademais, a Aula Hospitalaria da Área Sanitaria de Ferrol tamén se sumaba a este día, a mestra fixo un experimento cos máis pequenos con pementa, auga e xabrón. Imitando a capa lipídica e como actúa o xabrón cos virus e bacterias, nun prato con auga, puxo a pementa (bacterias e virus), e viron como, ó pór o xabrón, esa pementa se retiraba, enfatizando a importancia que ten lavar bens a mans con auga e xabrón.

A Hixiene de mans, compromiso no ámbito sanitario

Os profesionais sanitarios están activamente comprometidos xa durante todo o ano en evitar infeccións ou dano, e realizan unha axeitada hixiene das mans nos cinco momentos recomendados durante a asistencia, xa mencionados, e que tamén figuran no cartel deseñado pola Unidade de Calidade para esta ocasión, situado no fondo de pantalla dos ordenadores de tódolos traballadores e traballadoras da Área Sanitaria.

Enténdese por hixiene de mans un proceso que ten coma obxectivo reduci-lo número de microorganismos que hai na pel das mans. Cando o procedemento se realiza con auga e xabón, denomínase lavado de mans;e cando se realiza a base dun preparado de base alcohólica ou con xabón antiséptico, denomínase desinfección das mans. Neste día sempre se destaca que “a hixiene de mans é a medida máis sinxela e eficaz que se pode realizar para reduci-la transmisión das infeccións relacionadas coa atención sanitaria; e para evitar a propagación das infeccións que se transmiten a través do contacto”.

Lea también

Un incendio calcina un edificio en ruinas en la calle Arce, en Ferrol

Un incendio se desató alrededor de las diez de la mañana de este miércoles en …