Concello das Pontes e a Asociación Española Contra o Cancro formalizaron a sinatura dun convenio de colaboración para a creación dun Espazo Sen Fume no municipio: a Praia do Lago. A iniciativa enmárcase dentro da campaña ‘Espazos Sen Fume’ promovida pola Asociación, que busca protexer a saúde pública e concienciar sobre os perigos do tabaco e dos novos dispositivos de vapeo.

O convenio asinado entre o Concello das Pontes e a Asociación Española Contra o Cancro terá unha vixencia de dous anos e contempla a realización de diversas accións para fomentar o abandono do consumo de tabaco e de vapeo no municipio.
Para dar visibilidade ao novo espazo, instalouse sinalización específica na zona por parte do Concello que foi presentada o sábado, 3 de maio, contando coa participación de Tania Pardo Cabarcos, concelleira-delegada da Área de Benestar Social e representantes da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro nas Pontes. Ademais, dispúxose dun “Córner Sen Tabaco” como punto informativo no que se distribuíron materiais divulgativos sobre os efectos nocivos do tabaco e dos dispositivos electrónicos, acompañado de dinámicas interactivas dirixidas a todos os públicos.
Esta acción tivo lugar de maneira simultánea á celebración do evento de bicicletas trail, III Xco Vila de As Pontes, ao que asistiron numerosas familias e mozos e mozas para reforzar a mensaxe de prevención e promoción de hábitos de vida saudables.
Tania Pardo, durante esta presentación, sinalou que “coa declaración da Praia do Lago como Espazo Sen Fume, As Pontes da un paso adiante na súa aposta por unhas contornas máis saudables e na loita contra o tabaquismo, sumándose aos obxectivos da Comisión Europea de reducir a porcentaxe de fumadores a menos do 5% en 2040”.
Desde a Asociación Española Contra o Cancro, recordan que o tabaco é responsable de 1 de cada 3 casos de cancro e está relacionado con ata 16 tipos distintos da enfermidade, incluíndo o cancro oral, que representa un 33% dos casos. Nese sentido apuntan que a creación de espazos libres de fume contribúe a protexer a saúde da poboación, especialmente a dos menores, e a desnormalizar o consumo de tabaco e outros dispositivos en espazos públicos convivenciais.