O proxecto de arte urbana “As Pontes enPezas” continúa a súa misión de encher de cor e significado os espazos públicos das Pontes cunha nova intervención artística que arrinca este mércores na histórica praza do Carme.
Nesta ocasión, o artista galego Delio Rodríguez Ces é o encargado de dar vida a unha obra mural inspirada nas festas patronais do municipio, unha celebración que As Pontes mantén viva desde hai case tres séculos.
Delio Rodríguez Ces, natural de Vigo e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, conta cunha ampla traxectoria no ámbito da intervención mural, recoñecida con importantes galardóns como a beca de produción mural da Escola de Artes Plásticas de Guadalajara (México) en 2010 e o Premio de Intervención Mural da Universidade de Vigo en 2011. Entre as súas obras destacadas atópase o mural dedicado á lenda do río Eume, situado á beira do pavillón de deportes da Fraga, así como a súa labor como ilustrador e coguionista do cómic sobre o cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel.
A temática da obra remite ao 16 de xullo de 1741, data na que As Pontes celebrou por primeira vez as festas en honra da Virxe do Carme, converténdose no único municipio do interior de Galicia que rende culto a esta Santa tradicionalmente mariñeira.
A intervención busca captar a esencia destas festas, integrando elementos visuais relacionados coa identidade local, a cultura popular e a gastronomía, para crear un punto de encontro entre o pasado, o presente e o futuro da vila.
A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destaca que “con esta nova intervención queremos volver a poñer en valor a arte urbana como motor de transformación social e cultural. ‘As Pontes enPezas’ é moito máis ca murais: é unha maneira de recuperar espazos, de contar a nosa historia e de fortalecer o orgullo de pertenza. Esta homenaxe ás festas patronais é tamén un recoñecemento ao que somos como pobo.”
A nova creación artística, que se desenvolverá ao longo dos próximos seis días, sempre que o tempo o permita, ocupa a medianeira do grupo de vivendas Calvo Sotelo coa autorización e colaboración dos seus residentes. Este mural convive co xa icónico mural do mítico bandoleiro Toribio, enriquecendo aínda máis este enclave emblemático da vila.
“As Pontes en Pezas”
Iniciado en 2017, “As Pontes enPezas” naceu coa vocación de rexenerar espazos degradados, dignificar o contorno urbano e achegar a arte contemporánea á veciñanza.
Ata a data, con máis de 40 intervencións artísticas, transformou diversos recunchos do municipio en auténticas galerías ao aire libre, e, nese sentido a concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, avanzou que “xa se está traballando na procura de novos espazos urbanos para o ano 2026 para, a través da arte, poñer en valor lugares históricos da vila e convertelos nunha sinal de identidade artística das Pontes”.
Con esta nova incorporación, o Concello de As Pontes reforza o seu compromiso coa arte urbana como ferramenta para poñer en valor a historia e a identidade local, promovendo a participación cidadá e o embelecemento dos espazos públicos para manter a vila como unmuseo aberto accesible á veciñanza e ás persoas visitantes e amantes da arte.