‘A madriña’ e ‘Enfiando a vida’ gañadoras do Premio Alén Concello de Ares

Publicadas baixo o selo de Hércules de Ediciones, ambas obras resultaron gañadoras do Premio Alén de Novela Curta Concello de Ares, un certame que xa vai pola súa terceira edición e ao que se pode concurrir ata o 9 de maio. Co Premio Alén estase a construír unha colección de narrativa que achega unha perspectiva con moita carga emocional do fenómeno da emigración transoceánica.

Nones Araújo e Susana Fraguela comparten máis cousas aparte da súa condición de gañadoras da primeira e segunda convocatorias do Premio Alén Concello de Ares: as súas novelas debullan dende o emocional os ocos que deixan as persoas que emigran, a outra cara da moeda do proceso que determina a Galicia e ás súas xentes.

Inscritas no catálogo da coruñesa Hércules de Ediciones, A madriña e Enfiando a vida atrévense a narrar que acontece no interior desas familias que se descompoñen cando alguén marcha sen saber como e cando regresará ó fogar. E constitúen unha boa mostra de como a literatura de ficción contribúe, xunto co ensaio e a análise documental, na comprensión do impacto do proceso migratorio na sociedade galega; no que foi e no que é a día de hoxe.

Con ese obxectivo naceu o Premio Alén de Novela Curta organizado pola concellaría de Cultura, coa colaboración de Hércules de Ediciones, e iso mesmo conseguen as obras de Nones Araújo e Susana Fraguela a través das súas tramas.

A madriña, o libro asinado por Araújo, compón unha historia de marcado carácter autobiográfico e centrado na vida de soidade e desamparo dunha nena cos seus proxenitores emigrados. A novela, publicada en 2023, aborda a relación da pequena coa súa titora legal, a madriña, e configura un fresco da época dos anos cincuenta, incluso con material fotográfico dos arquivos da propia escritora.

E en 2024 saía Enfiando a vida para trazar pontes entre o século XX e XXI seguindo as historias de Lali e Sofía, cada unha no seu tempo pero afectada pola ausencia de quen marcha, lembrándonos así que a migración non desaparece, só se adapta ao contemporáneo. Ambas obras, xunto co Premio Alén de Novela Curta Concello de Ares, supoñen unha aposta para impulsar esta literatura do transocéanico, un xeito de dignificar os procesos migratorios de Galicia e de tecer unha memoria colectiva que tamén narre o emocional, os baleiros: a complexidade social do fenómeno que tantas marcas deixou na identidade galega.

Para calquera persoa interesada na lectura de ‘A madriña’ ou ‘Enfiando a vida’, as dúas novelas están dispoñibles para préstamo dentro do fondo da Biblioteca Municipal de Ares.

ALÉN DE NOVELA CURTA: PRAZO ABERTO ATA O 9 DE MAIO

A III edición do Premio Alén ultima os seus días de recepción de manuscritos: o 9 de maio concluirá o prazo para remitir os textos e optar ao galardón de 2.000 euros, amais da publicación da obra gañadora neste catálogo tematizado de Hércules de Ediciones.

Para sumarse ao concurso, cada participante deberá presentar unha única obra en lingua galega, orixinal e inédita, que preferentemente aborde a temática da emigración galega alén do mar, aínda que poida debullar calquera outro lugar do mundo. Non é necesario que a emigración sexa a temática central da novela, mais si que debe formar parte da trama ou da vida dalgunha das personaxes.

No tocante ao formato dos textos, estes deben ter unha extensión que oscile entre 80.000 e 140.000 caracteres con espazos. Deben presentarse tres copias impresas, mecanografadas a unha soa cara e con letra Times New Roman, tamaño 12, sen firma nin elementos identificativos, incluíndo o título e o pseudónimo do autor/a para garantir o anonimato. Ademais das copias físicas, débese enviar un CD ou pendrive co arquivo dixital en formato OpenOffice, Word ou outro similar.

Os traballos deben remitirse á seguinte dirección, indicando no exterior dos sobres o asunto «III Premio Novela Curta Alén Concello de Ares»: Rexistro Xeral, Concello de Ares, Á/a Área de Cultura e avenida Saavedra Meneses, 12. CP: 15624 (Ares, A Coruña)

As bases completas, dispoñibles na web municipal: https://concellodeares.gal/es/iii-certamen-de-novela-corta-alen-concello-de-ares/

Lea también

Dispoñibles as entradas en Narón para as zonas camper, acampada e glamping do Gulliver Fest

As persoas interesadas en adquirir algunha das entradas dispoñibles para as zonas camper, de acampada …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *